Éxito do seguimento da folga en varios xornais e axencias galegas

Dossieres

O Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) valora positivamente o seguimento da folga xeral, primeira na que participa este sindicato, convocada este martes unicamente en diarios en papel e nas axencias de noticias.

O resto do sector (diarios dixitais, radios, televisións, etc.) estaban chamados ao paro o mércores.

Segundo datos recabados polo SXG entre os traballadores, o seguimento foi de case o 60% en Xornal de Galicia, empresa na que este Sindicato é o que ten máis delegados no Comité de Empresa. En Diario de Ferrol, no que tamén o SXG é maioritario, en torno ao 50% do cadro de persoal secundou a convocatoria.

Noutros medios hai un seguimento desigual. Así, as mesmas fontes apuntan a un 60% de paro en Faro de Vigo e en torno ao 50% na delegación galega de Europa Press. Pola contra, en La Región de Ourense, o seguimento na redacción foi moi reducido, e en La Voz de Galicia o paro foi secundado por arredor dun 30%.

Representantes do Sindicato atenderon a varias televisións e radios, que chamaron para informar da incidencia do paro no sector.

O SXG anima aos traballadores dos medios que foron convocados á folga a solidarizarse co resto dos asalariados levando unha das camisetas contra a precariedade que o Sindicato repartiu gratuitamente en pasadas campañas.

Esta organización denuncia ademais que moitos traballadores non puideron secundar libremente a folga polas presións, nalgúns casos explícitas, dos seus empregadores. O SXG está a reunir información sobre estas presións, que violan o dereito constitucional á folga, para estudar as medidas legais oportunas.

SXG
Ao SXG gustaríalle que a folga se convocase antes e entende as críticas que se fagan á actuación das grandes centrais sindicais. Con todo, a folga xeral do 28-29 de setembro é a única vía que nos queda aos traballadores e traballadoras, porque iso somos os e as xornalistas, para responder ante uns recortes laborais que agravan aínda máis a xa de por si precaria situación laboral dos e das xornalistas.

Se a mobilización é masiva o Goberno pode recuar ante a presión social. Ten pasado noutras ocasións e e está a pasar noutros países de Europa.

Documentación