Mércores, 19 de xuño de 2013 | 09:53

Colexio Profesional de xornalistas de Galicia



Estatutos

O Decreto 189/2000 de 29 de xuño, da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, aprobou os estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que foron publicados no número 138 do Diario Oficial de Galicia (páxina 10.961 e seguintes) e que rexen a actividade do Colexio.

Estes estatutos establecen, atendendo ás sete cidades de Galicia a existencia doutras tantas demarcacións, órganos consultivos territoriais que se rexen polo seu propio regulamento.

Partindo dos propios estatutos, todos os colexiados teñen o amparo da entidade para defender os seus dereitos profesionais e ser atendidos ante situacións de conflicto que coarten o libre exercicio da profesión. A tal fin creouse o correspondente regulamento de amparo.

Por último, cómpre salientar que a creación do Colexio Profesional Xornalistas de Galicia como entidade de dereito público que permitirá ampliar e consolidar o dereito á información e a autoesixencia profesional foi posible logo da aprobación da lei correspondente polo Parlamento Galego, que entrou en vigor o 10 de marzo de 1999.

Adaptación á nova lei de Colexios Profesionais

Diario Oficial de Galicia (DOGA) nº 24, do 4 de febreiro de 2009

Decreto 18/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16, en relación co 18, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado mediante Lei 2/1999, do 4 de febreiro, de creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, acordou, na Asemblea xeral, a aprobación da modificación dos seus estatutos, adaptados ao disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro. Os ditos estatutos foron comunicados á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da súa cualificación de legalidade.

Tendo en conta o exposto, en virtude do uso da competencia que ten atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, de 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e un de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación dos estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Apróbanse, por ser adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño
Presidente

José Luis Méndez Romeu
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DOGA 4 de febreiro de 2009

Voltar