Edicións anteriores
Este premio é unha homenaxe a José Couso. Pero supón tamén unha voz de alerta sobre a ausencia do dereito á información en moitos países do mundo e das ameazas que este dereito está sufrindo nos países chamados democráticos. Algúns dos xornalistas que teñen que loitar contra esta situación foron nominados e galardoados nas dúas primeiras edicións do Premio José Couso.
O gañador da edición inaugural, o xornalista marroquí Ali Lmrabet, relatou no acto de entrega do premio as difcultades para desenvolver o seu traballo con dignidade. A súa determinación para falar sen censura costoulle meses de liberdade, unha persecución e a necesidade de ter que fuxir do seu país. Esta denuncia sumada a de tantos outros compañeiros dos cinco continentes, supón unha luz de alerta constante que non podemos permitir que morra.
Esa loita contra as inxustizas ao longo do mundo está no currículo dos candidatos e, tamén, na historia do diario Le Monde Diplomatique, actual gañador do premio José Couso. Un premio, que ano tras ano axuda a comprender o duro traballo ao que se enfronta o xornalismo e, polo tanto, a sociedade tamén neste século XXI.
O xornalista de guerra Jon Lee Anderson recolleu o testigo como gañador da terceira edición do premio, na defensa da liberdade de prensa, pola súa loita incansábel, a súa constancia e coherencia na procura da verdade. O cronista de 'The New Yorker' destaca pola súa profesionalidade e pola súa defensa do dereito á información libre e veraz.
José Vidal-Beneyto, Catedrático de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid, Director do Colexio de Altos Estudos Europeos Miguel Servet de París e Secretario xeral da Axencia Europea para a Cultura da UNESCO, entre outros, foi o gañador da IV edición en 2008.
A V edición premiou á barcelonesa Rosa María Calaf, unha das correspondente máis veterana de TVE con 37 anos ás súas costas.