Rosa María Calaf, gañadora do V Premio José Couso de Liberdade de Prensa
A xornalista catalá Rosa María Calaf foi proclamada gañadora do V Premio José Couso de Liberdade de Prensa, que organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova.
O fallo deuse a coñecer na Galería Sargadelos de Ferrol nunha roda de prensa na que se anunciou tamén que os actos de entrega terán lugar o vindeiro 30 de abril no Teatro Jofre e contarase, novamente, co Concerto pola Liberdade a cargo da Real Filharmonía de Galicia.
O acto comezou coa intervención do presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales Somoza, amosando a súa preocupación pola situación actual da profesión, polos despedimentos que se están a producir e porque as empresas de comunicación estean a prescindir de xornalistas amparándose na crise económica. Mandou tamén unha mensaxe de solidariedade para os colegas que se encontran sen traballo, salientando que este ano a V Edición do Premio José Couso terá tamén unha lembranza para eles.
Morales deu paso ao secretario do premio, Darío Janeiro, que deu lectura á acta. Janeiro fixo referencia ao asasinato de José Couso, do que se cumpriron seis anos hai pouco. Janeiro dixo que a pesar do tempo transcorrido, \"aínda estamos á espera de que o crime cometido contra José Couso e o seu compañeiro Taras Protsyuk sexa esclarecido e se tomen as medidas legais oportunas contra os culpables\". A continuación deu a coñecer o nome da gañadora desta V Edición, que recaeu na xornalista catalá Rosa Maria Calaf, e confirmou que a galardoada asistirá aos actos de entrega do premio o próximo 30 de abril.
José Ulfe Bugallo, Director de zona de Caixanova en Ferrol e A Mariña, resaltou a traxectoria profesional da gañadora e transmitiu no seu nome e no da entidade que representa a felicitación á organización pola relevancia que adquiriu o certame a nivel galego e estatal. Finalmente, manifestou o total respaldo de Caixanova á iniciativa.
Pechou a comparecencia o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, que lembrou a todos os candidatos desta quinta edición e sinalou a dificultade para escoller entre uns e outros pola destacada traxectoria e compromiso de todos eles. Transmitiu a súa felicitación a Rosa Maria Calaf e fixo referencia á situación dos profesionais da comunicación e ao perigo que a crise pode provocar nos medios, dado que se poden orixinar situacións de presión no ámbito laboral.
O acto rematou emprazando aos presentes a asistir á entrega do premio que se vai celebrar o próximo día 30 no Teatro Jofre de Ferrol.
Rosa María Calaf Solé naceu en Barcelona en 1945. Licenciada en Dereito e Xornalismo, en 1970 ingresa en RTVE e en 1983 pasa por TV3 para exercer como directora de programas e produción. Pero o seu nome é inseparable das correspondencias de TVE, onde, desde oito puntos do planeta, se convertiu na correspondente máis veterana da canle, con 38 anos de traballo ás costas. A principios deste ano, foi prexubilada dentro do ERE de RTVE.
O CPXG, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. Anteriormente foron galardoados con este premio o xornalista marroquí Ali Lmrabet, o xornal francés Le Monde Diplomatique, o estadounidense Jon Lee Anderson e o valenciano José Vidal-Beneyto.
Imprimir Enviar