Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia


Domingo, 19 de maio de 2013 | 09:52

Portada | Mapa web | Contacto



Imprimir Enviar

UTEGA XA CESOU AS EMISIÓNS EN PONTEVEDRA E REALIZOU RECORTES DE PERSOAL EN VIGO

O CPXG lamenta o peche inminente de Localia A Coruña

[31/01/2012] A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta o peche inminente de Localia A Coruña. A noticia foi comunicada a este Colexio esta mañá polos propios traballadores. A decisión foi trasladada hoxe mesmo á plantilla da televisión local que nun prazo de quince ou vinte días cesará a súa actividade.

Nos meses anteriores ao peche, a empresa xa despedira dous traballadores, o que, sumado a outros dous profesionais aos que non se lles renovara o contrato, deixara a televisión local cun cadro de persoal de a penas seis traballadores.

Este novo peche ven a sumarse ao anunciado a mediados deste mes por Localia Pontevedra, xustificado por fontes da empresa na "forte caída do investimento publicitario" e que deixa na rúa outros sete profesionais da información.

Daquela, Utega, a sociedade de televisións locais que xestiona as emisoras de Localia, expresaba a súa intención de tentar manter as emisións de Localia na Coruña e en Vigo. Se a primeira anunciou xa o seu peche, a segunda comunicaba pouco despois o "despedimento obxectivo" do 40% do persoal.

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta estas noticias que reducen aínda máis o número de medios de comunicación galegos, redundando na perda de pluralidade informativa e na precarización laboral da profesión xornalística.

O que foi unha aposta por manter as televisións locais galegas tras o peche da marca estatal Localia en 2008 non puido manterse, nun desenlace do que saen prexudicados tanto os profesionais que traballaban nestes medios como a sociedade galega en xeral.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

© Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Política de privacidade | Mapa web | Contacto | Sindicación RSS

Coa colaboración de:
Xunta de Galicia