O Colexio de Xornalistas lamenta o ERE que fixo efectivo Atlántico Diario en Vigo
[30/05/2012] A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta o ERE que presentou o xornal Atlántico Diario, de Rías Baixas Comunicación S.A., pertencente ao Grupo La Región e que afecta a once traballadores, sete da área de redacción.
Esas once persoas serán despedidas dentro de seis meses, se nese tempo a empresa non consegue beneficios. Algúns dos afectados teñen máis de vinte anos de antigüidade.
A Xunta de Goberno entende que este ERE prexudica á calidade da información porque desaparece a delegación do Morrazo, co que quedará desatendida unha ampla zona de especial relevancia informativa. Asimesmo, os redactores terán que buscar as imaxes para as informacións, e ao tempo encargarse dos contidos da páxina web, uns cometidos multitarefa que non van acompañados desgrazadamente nin cun incremento salarial e que restarán tempo aos labores de obter e redactar noticias.
Coas baixas e despedimentos sen cubrir dos últimos anos o cadro de persoal queda reducido a trinta e catro persoas, cando hai un ano eran cincuenta.O CPXG solicita de novo que a concesión de subvencións públicas vaia ligada a estabilidade laboral nos grupos editoriais que as reciben, e expresa a súa solidariedade coa plantilla de Atlántico Diario no seu labor de elaborar unha información veraz e de calidade á que ten dereito a sociedade.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia