Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia


Luns, 20 de maio de 2013 | 03:06

Portada | Mapa web | Contacto



Imprimir Enviar

Publicacións

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia edita unha serie de publicacións propias, atendendo á súa vocación de servicio e investigación no eido da comunicación. Entre os traballos elaborados, atópanse o Informe sobre a Comunicación de Galicia e a Guía de medios.

A Crise nos Medios en Galego


O informe A crise nos Medios en Galego constitúe un detallado estudo sobre as causas da crise dos medios en galego que, con especial incidencia entre 2010 e 2011, levou a desaparición de varias das cabeceiras que existían nesta lingua, algunhas delas cunha traxectoria histórica. O relatorio tenta deitar luz sobre as orixes desta debilidade dos proxectos xornalísticos na nosa lingua, a través de dúas partes diferenciadas. A primeira, formada por un informe de Manuel M. Barreiro e Marcos Pérez Perna tenta fornecer, a través de entrevistas con actores implicados e da análise das circunstancias, unha explicación das causas sociais e xornalísticas da crise. A segunda é un rigoroso estudo levado a cabo polos economistas Xabier Doporto e David Peón que pretende analizar os determinantes do fracaso empresarial dos medios en galego.

A Crise nos Medios en Galego (2013)

A situación laboral dos e das xornalistas galegos e o impacto da crise no sector


O Informe sobre a situación dos xornalistas galegos e o impacto da crise no sector é unha completa radiografía da profesión en Galicia, na liña de estudos anteriores realizados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Elaborado coa colaboración da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, reflicte o impacto das tendencias da crise na análise das estatísticas oficiais e nas respostas dos informadores galegos, reflectindo a visión conxunta dos dous grupos de profesionais máis numerosos no xornalismo galego: os colexiados no CPXG e os licenciados pola USC.

A situación laboral dos e das xornalistas galegos e o impacto da crise no sector (2011)

A representación da prostitución nos medios de comunicación galegos


A investigación do Colexio analiza a representación da prostitución, a explotación sexual e o tráfico e a trata de persoas con fins de explotación sexual nos medios de comunicación galegos. O informe continúa así traballos anteriores realizados polo Colexio de Xornalistas, centrados noutras ocasións na representación da violencia de xénero.

A representación da prostitución nos medios de comunicación galegos (2010)

Informe sobre a convocatoria de prazas de comunicación en administracións e empresas públicas


O "Informe sobre a convocatoria de prazas de comunicación en administracións e empresas públicas" realizado polo Colexio de Xornalistas recolle até cinco exemplos distintos de prazas convocadas desde febreiro de 2009 nos que non se requería a titulación adecuada para postos de comunicación. As administracións e empresas públicas continúan, por tanto, unha mala práctica, moi asentada, que convirte a profesión da comunicación, en xeral, nunha das que maior índice de intrusismo presentan.

Informe sobre a convocatoria de prazas de comunicación en administracións e empresas públicas (2010)

Estudo sobre a situación dos e das xornalistas en Galicia


O ‘Estudo sobre a situación dos e das xornalistas en Galicia’, realizado polo Colexio Profesional e Xornalistas coa colaboración da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia recolle datos sociolaborais dos xornalistas galegosa, recollidos a través de enquisas aos inscritos e inscritas no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e no Sindicato de Xornalistas de Galicia ademais de entrevistas en profundidade a representantes de distintos medios e organizacións do sector e a consulta das bases de datos do Servizo Público de Emprego Galego. Os datos foron recollidos no segundo semestre do ano 2008, encargándose do traballo de campo a empresa Cidadanía.

Estudo sobre a situación dos e das xornalistas en Galicia (2009)

Informe sobre o tratamento informativo do accidente de Barajas


O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a través do seu Observatorio Galego dos Medios, publica o Informe sobre o tratamento informativo do accidente de Barajas, que analiza a cobertura dos principais medios con penetración en Galicia sobre a traxedia do voo JK5022. O relatorio ten a súa orixe nos últimos días de Agosto, cando a Xunta de Goberno do CPXG expresara a súa preocupación polo comportamento dos medios no tratamento deste acontecemento, e encargara ao OM a realización dun estudo detallado.

Informe sobre o tratamento informativo do accidente de Barajas (2008)

Libro de Actas do Foro de Ciencia e Comunicación

Favorecer o contacto e o coñecemento mutuo entre xornalistas e científicos. Este foi o obxectivo do primeiro Foro de Ciencia e Comunicación que se desenvolvou no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, organizado polo CPXG. Podes descargar o Libro de Actas do Foro de Ciencia e Comunicación en formato pdf:

Libro de Actas do Foro de Ciencia e Comunicación (2008)

Xornada "O Papel dos Medios na Información de Xénero"


O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) publica a continuación o informe e as conclusións da xornada celebrada o 24 de novembro en Lugo. A especialización dos xornalistas en materia de xénero, a consciencia e o fomento, dentro do discurso mediático, da necesidade dun cambio nas estruturas sociais para "educar" á sociedade foron as claves máis repetidas ao longo da xornada para que os medios contribúan á erradicación da violencia machista.

Conclusións da xornada 'O Papel dos Medios na Información de Xénero' (2007)

II Edición Medios de Comunicación e Violencia contra as Mulleres

A celebración da segunda edición das xornadas Violencia contra as Mulleres e Medios de Comunicación, do Observatorio Galego dos Medios do CPXG en Lugo no ano 2005, pretendeu propiciar un encontro entre xornalistas e expertas e expertos en diferentes ámbitos da violencia contra as mulleres. En prol deste diálogo, celebrouse esta xornada como continuidade da que tivera lugar o 16 de outubro de 2004, na que se aprobou a Declaración de Compostela, un conxunto de medidas para o correcto tratamento informativo da violencia contra as mulleres.

Libro de Actas Medios de Comunicación e Violencia contra as mulleres (2005)

Medios de Comunicación e Violencia contra as Mulleres

Máis alá da súa dimensión criminal, que comporta a reivindicación dun plano integral de base xurídico-política para combatila, a violencia que sufren as mulleres representa entre nós un gravísimo problema social. Para abordalo, non abonda con sermos solidarios coas víctimas. É preciso afrontalo como unha lacra a eliminar. Para o que cómpre reforzar a sensibilidade social, e os conseguintes niveis de intervención en todas e cada unha das fases polas que unha muller maltratada se ve obrigada a pasar. Isto sería imposíbel sen o aporte dos medios de comunicación. E sen que se intensifiquen as relacións que necesariamente teñen que establecerse entre os medios/xornalistas e a multiplicidade de fontes ás que aqueles recurren para unha cualificada cobertura informativa do feito violento e das súas consecuencias. Faise, pois, imprescindíbel unha alianza estratéxica entre os xornalistas, a cidadanía activa e os constructores de discursos teóricos sobre os medios. Ese foi o obxectivo desta Xornada de reflexión e debate que tivo lugar en Santiago o 16 de outubro de 2004.

Libro de Actas Medios de Comunicación e Violencia contra as mulleres (2004)

Imaxe de xornais

A lingua nas novas

O Colexio Profesional de Xornalistas pretende analizar neste libro a situación lingüística dun dos actores sociais que máis podería ter aportado a impulsión e consolidación do proceso de normalización lingüística en Galicia: os medios de comunicación.

Este informe é froito do traballo dun grupo de investigación que iniciou o estudio no ano 2002. Mediante o emprego de técnicas de investigacións cuantitativas e cualitativas obtivéronse datos e análise non
só dos hábitos lingüísticos dos medios de comunicación impresos e audiovisuais na Galicia actual, senón ademais das actitudes e reflexións dos seus protagonistas –xornalistas e directores de medios de
comunicación- e outros analistas da situación –lingüistas, sociólogos, economistas, filósofos...-.

Pode descargar o informe por capítulos, en formato pdf:

- Portada
- Índice
- Introducción
- Xornal a xornal
- Relacións laborais e estratexias lingüísticas
- Galego nas condicións laborais
- Galego dos lectores, galego do xornal
- Conclusións
- Metodoloxía
- Bibliografía

Portada de libro A situacion laboral dos xornalistas galegos

Informe sobre a comunicación en Galicia

O primeiro informe sobre a situación laboral dos xornalistas galegos foi publicado polo Colexio de Xornalistas, nun libro de gran formato con 120 páxinas e gran número de cadros e gráficos explicativos, distribuído entre todos os colexiados.

O libro é o resultado dunha investigación financiada polo propio Colexio e dirixida por Miguel Túñez, xornalista, colexiado e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago.

A tiraxe inicial do informe, á venda en librarías ao prezo de 20 euros, foi de 2.000 exemplares. O libro da conta da especial preocupación derivada da inestabilidade contractual e precisa que "o salario é o principal motivo de insatisfacción laboral".

Pode descargar o informe completo en formato pdf.

Portada da Guia de medios

Guía de medios Galicia

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia publicou unha completa Guía de medios de Galicia con aproximadamente 400 entradas cos datos esenciais de empresas, axentes e institucións da comunicación en Galicia. A tiraxe inicial foi de 2.500 exemplares. A Guía foise actualizando a través da web.

Pode descargar a guía completa en formato pdf.

© Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Política de privacidade | Mapa web | Contacto | Sindicación RSS

Coa colaboración de:
Xunta de Galicia