Presentacións de 'Javier Ortiz, talento y oficio de un periodista'

Do ao

O libro Javier Ortiz, talento y oficio de un periodista, unha compilación de artigos do falecido xornalista, preséntase o xoves 19 en Ourense e o venres 20 de setembro en Pontevedra, en senllos actos organizados pola Fundación Vicente Risco, coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que contarán coa participación do editor Mikel Iturria e de Xosé Rodriguez Díaz.

Javier Ortiz, talento y oficio de un periodista é unha compilación de artigos do falecido xornalista Javier Ortiz feita polo editor Mikel Iturria e editada por Ediciones Akal. Ademais da selección de artigos, o libro conta con tres perfis de Ortiz obra de Garbiñe Biurrun, David Fernàndez e Isaac Rosa.

A Fundación Vicente Risco organiza, coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, varias presentacións do libro en Galicia, que contarán coa participación do editor Mikel Iturria e de Xosé Rodriguez Díaz, da Fundación Vicente Risco. En concreto, o xoves 19 de setembro ás 20:30 terá lugar a presentación no Salón Nobre do Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carvajal, 5), con acompañamento musical de José Luis Fernández Carnicero. Ao día seguinte, venres 20 de setembro, o libro presentarase na Libraría Paz de Pontevedra (Rúa da Peregrina, 19), a partir das 20:00 horas. 

Neto dun emigrante ourensán, Javier Ortiz naceu en Donostia en 1948. Comezou a súa actividade xornalística aos dezaoito anos, en publicacións clandestinas na ditadura franquista, polo que foi arrestado en varias ocasións. Exiliado en Bordeos e en París varios anos, regresou a España á morte de Franco, formou parte da Platajunta e fundou a revista Saida, que foi varias veces secuestrada. En 1985 comezou a traballar como redactor xefe da revista Mar. Pedro J. Ramírez ofreceulle colaborar na fundación de El Mundo, onde exerceu varios postos de dirección. En 2000 deixou os cargos neste xornal e comezou a colaborar de forma externa con dúas columnas semanais. Posteriormente traballou como comentarista en Radio Euskadi e ETB e desde 2007 como columnista no diario Público. En 2009 faleceu en Aigües (Alacante).