A Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC ten aberta a matrícula no Ciclo Superior de Produción de Audiovisuais e Espectáculos
A Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, dependente da Deputación provincial de Lugo, mantén aberto o prazo de matrícula no Ciclo Superior de Produción de Audiovisuais e Espectáculos para o curso que vén. A Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC é o único centro que imparte en Lugo ensinanzas pertencentes á familia profesional de Imaxe e Son, que ofrece con matrícula gratuíta.
O éxito dos métodos didácticos da EIS da Fundación TIC, na que se poden estudar os ciclos superiors de Produción de Audiovisuais e Espectáculos e de Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos, veñen de ser recoñecidos unha vez máis co Premio Extraordinario de Formación Profesional de grao superior na rama de Imaxe e Son concedido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a unha alumna do centro, Patricia López Rodríguez. O galardón foille concedido a Patricia López polos estudos de Realización que cursou na Escola. Na actualidade, esta alumna completa a súa formación cursando o Ciclo Superior de Produción.
A EIS desenvolve o seu labor pedagóxico en coordinación co Centro de Produción de Programas da Fundación TIC, o que lle permite ofrecer aos seus alumnos e alumnas unha formación eminentemente práctica, de xeito que se facilita ao alumnado unha aprendizaxe en situacións idénticas ás que atoparán no desempeño da súa profesión cando se incorporen ao mercado laboral.
Matrícula para 2017-2018
Para o curso 2017-2018, a Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC oferta 20 prazas en 1º curso do Ciclo Superior de Produción de Audiovisuais e Espectáculos e outras 20 en 1º curso do Ciclo Superior de Realización de Proxectos Audiovisuais e Espectáculos. A matrícula formalízase na Escola de Imaxe e Son de Lugo da Fundación TIC, rúa Frei Plácido Rei Lemos, s/n - 27004 Lugo e pódese consultar máis información na páxina www.fundaciontic.org ou a través do teléfono 982 284 667 e o correo electrónico info@fundaciontic.org.
FUNDACIÓN TIC