A familia de Couso di que a decisión do TS supón unha 'pequena fenda' no 'muro de impunidade'

A familia de José Couso, o cámara de televisión falecido na guerra de Iraq en 2003, destacou hoxe que a decisión dos cinco maxistrados do Tribunal Supremo -TS- de ordenar á Audiencia Nacional que continúe coas investigacións deste caso, supón unha 'pequena fenda' no 'muro de impunidade que rodea ós EE.UU.'.
En declaracións á Radio Galega recollidas por Europa Press, Javier Couso, o irmán do cámara de Telecinco falecido, subliñou que a decisión do TS é un 'paso moi importante' para levar ante a xustiza ós militares norteamericanos autores da súa morte. 'Temos unha satisfacción tremenda sobre todo porque confiamos na xustiza' dixo ó referirse a esta decisión.

Así, apuntou que, ó longo destes tres anos, a familia, 'o único que quería' é que se 'faga xustiza' cos asasinos de José Couso. Por iso, mostrouse convencido de que, finalmente, os responsables serán levados ante os xuíces. 'Será a primeira vez na historia que sexan xulgados militares de EE.UU. por crimes contra a humanidade', indicou.

Ademais, considerou que esta decisión é un 'desgusto tremendo' para a Audiencia Nacional e para os 'amigos de Fungairiño' que no seu día decidiron arquivar a denuncia.

Javier Couso subliñou que a morte do seu irmán foi un asasinato deliberado e lembrou que o día no que foi abatido, as tropas estadounidenses atacaron ás tres televisións que estaban a emitir en directo a toma de Bagdade; Al Jazzera, Abu Dhabi TV e Reuters, cuxo cámara faleceu xunto a José Couso.

Finalmente, reclamou un 'apoio máis claro' do Goberno español para descubrir a verdade e esixiulle que medie ante as autoridades de EE.UU. para levar ante a xustiza ós responsables. Tamén pediu a este país que colabore nas investigacións. 'Se algún soldado español estivese involucrado en crimes de guerra seríamos os primeiros en o levar ante un tribunal', concluíu.

Le a nova en castelán EUROPA PRESS.

SANTIAGO DE COMPOSTELA
EUROPA PRESS