A FIP lanza unha campaña contra a impunidade dos crimes contra xornalistas

Con motivo da celebración, o 2 de novembro, do Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crímes contra Xornalistas, a FIP lanza unha campaña contra a impunidade que inclúe a petición á ONU de que instaure un protocolo para a protección de xornalistas. Só un de cada dez delitos contra os informadores son investigados e a impunidade aumenta no contexto europeo. 

O dous de novembro celébrase en todo o mundo o Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra Xornalistas. A data foi estabelecida no 2013 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas para lembrar que a seguranza dos xornalistas é vital para termos acceso a unha información diversa e independente e que "a impunidade dos asasinatos de xornalistas dana á sociedade no seu conxunto ao encubrir graves abusos dos dereitos humanos, corrupción e outros delitos". O acto central deste ano é a celebración, este xoves na Cidade de México, dun seminario internacional para pór fin á violencia contra xornalistas en América Latina, organizado pola Unesco. 

Con motivo desta data, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) vén de pór en marcha a súa Campaña contra a impunidade 2019, que lembra que só un de cada dez delitos contra os traballadores dos medios de comunicación é investigado, e sinala os países que non están a investigar os crimes contra os informadores, con informes específicos sobre Filipinas, Somalia, Perú, Palestina e Ucraína. A campaña, que estará activa até o 23 de novembro, e inclúe unha petición á ONU de instaurar un protocolo para a protección de xornalistas que pode asinarse online. 

A data coincidiu tamén coa publicación do Informe Anual 2019 das organizacións asociadas á Plataforma do Consello de Europa para a Protección do Xornalismo e a Seguridade dos Xornalistas, que precisamente recolle entre as súas conclusións un preocupante aumento da impunidade dos crimes de xornalistas no contexto europeo. 

CPXG