A PDLI vai crear un observatorio sobre o acoso ás mulleres xornalistas

A Plataforma en Defensa da Liberdade da Información vai crear un observatorio para estudar o acoso ás mulleres xornalistas a través das redes sociais, un fenómeno cada vez máis preocupante.

A Plataforma en Defensa da Liberdade da Información (PDLI) vén de anunciar que vai crear, en colaboración coa Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), un observatorio para rastrexar o acoso a mulleres xornalistas nas redes sociais e lembra que, segundo a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa, esta é unha ameaza crecente para a liberdade de información.

A PDLI anuncia a creación deste observatorio pouco despois de que a presentadora do Canal 24 Horas Lara Siscar denunciara un novo caso de acoso a través de Twitter, logo do que xa sufrira no 2015. A plataforma cita outras comunicadoras que tamén foron vítimas deste tipo de agresións, como Ana PastorMaría Escario, Ana Cobos, Eva Hache ou Cristina Fallarás.

As ameazas e os comentarios vexatorios contra estas e outras profesionais son un expoñente máis da violencia sexista xerada pola ideoloxía patriarcal, unha violencia que tamén sofren as xornalistas polo simple feito de seren mulleres. O Colexio de Xornalistas, no seu compromiso contra a violencia de xénero, non pode senón aplaudir a creación deste observatorio e sumarse á petición que fai a PDLI ao Ministerio do Interior paraa investigar e erradicar estas agresiones, que non só atacan a liberdade de información, senón tamén a igualdade das persoas e os dereitos humanos máis básicos. 

CPXG