A TIC de Lugo estrea nova tempada de visitas didácticas para achegar o mundo audiovisual a escolares da provincia

Inauguración da nova tempada do 'Ticodiario' (Foto: Fundación TIC)

A Fundación TIC da Deputación de Lugo estreou esta semana a sexta tempada do seu programa de visitas didácticas para achegar o mundo audiovisual a escolares de primaria e secundaria, tralo éxito de edicións anteriores. De feito, en 2016 pasaron polas instalacións da TIC 50 grupos de centros educativos da provincia, que suman 1356 estudantes e profesores.

Un grupo de alumnos e alumnas do Colexio Padres Franciscanos Lugo, acompañado polos seus mestres, foi o encargado de inaugurar esta nova tempada. Os estudantes coñeceron de primeira man todo o proceso para a realización dun programa de televisión e presentaron un Ticodiario, un informativo que inclúe noticias reais, neste caso sobre o San Froilán, e unha enquisa realizada polos propios alumnos. Tras rematar a experiencia, cada participante recibe un USB cunha copia do programa.

Durante estas visitas, os rapaces percorren as instalacións da TIC e coñecen o funcionamento dos diversos departamentos dun medio audiovisual. Ademais, reciben información sobre os ciclos de Realización e Produción da Escola de Imaxe e Son da TIC, o único centro da provincia de Lugo que imparte ensino superior darama audiovisual.

Como apuntarse para participar

Todos os centros de Secundaria e Primaria da provincia de Lugo interesados en participar nesta iniciativa durante o curso 2017/18 poden apuntarse na sede da Escola de Imaxe e Son (EIS) de Lugo, situada na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n, ou ben chamando ao número de teléfono 982 284 667.

FUNDACIÓN TIC