A verdade do asasinato de Miroslava Breach

O 'Proxecto Miroslava', realizado para revelar os cabos soltos na investigación do asasinato da xornalista Miroslava Breach, comezou esta semana a publicar os seus primeiros traballos. As información desvelan as verdadeiras implicacións non investigadas desta morte, unha das máis icónicas das ducias que fan de México un dos países máis perigosos para o exercicio do xornalismo. 

O grupo de xornalistas mexicanos Colectivo 23 de marzo, xunto coas organizacións internacionais Bellingcat, Forbidden Stories e o Centro Latinoamericano de Investigación Periodística crearon en 2018 o Proxecto Miroslava, co obxectivo de pescudar sobre as circunstancias do asasinato no 2017 de Miroslava Breach, unha xornalista mexicana que investigaba a chamada "narcopolítica". Logo dun ano, a investigación comeza a presentar as súas primeiras conclusións, denunciando fallos na investigación do asasinato ou revelando a relación doutras mortes co caso. 

Nada en Chinipas, no estado de Chihuahua, en 1963, Miroslava Breach exerceu de xornalista máis de 20 anos, destacando os seus traballos para La Jornada e El Norte de Ciudad Juárez. As súas investigaciónstrataron especialmente teemáticas relacionadas coa defensa dos dereitos humanos das comunidades indíxenas e conflitos de materia ambiental, así como sobre feminicidios e desaparicións forzadas. O 23 de marzo de 2017, ás sete da mañá, cando Breach subía á súa camioneta para levar o fillo á escola, recibiu oito impactos de bala. Aínda que existe unha investigación xudicial sobre a súa morte, numerosos colectivos denuncian que seguen a existir cabos soltos na investigación, e para investigalos naceu o Colectivo 23 de marzo. 

O de Miroslava Breach é apenas un dos casos máis mediáticos dos asasinatos de xornalistas en México, un dos países máis mortíferos para os profesionais dos medios de comunicación. Segundo a organización Article 19, xa son 10 os xornalistas mexicanos asasinados neste 2019, e un total de 131 desde o ano 2000. O último deles, Nevith Condés Jaramillo o pasado 25 de agosto. Organizacións internacionais como a FIP ou Reporteiros Sen Fronteiras teñen reclamado ao goberno mexicano que tome medidas para frear este masacre de comunicadores. 

CPXG