A visión do pobo xitano nos medios de comunicación

A nova edición do informe ¿Periodistas contra el racismo? da Unión Romaní reflicte unha suba das informacións positivas sobre o pobo xitano, ao tempo que aumentan os textos de opinión con punto de vista negativo e descenden o uso de fontes xitanas e as informacións en profundidade.

A Unión Romaní vén de presentar os datos da 17ª edición do seu informe ¿Periodistas contra el racismo? La prensa española ante el Pueblo Gitano 2019. O relatorio analiza en profundidade un total de 2.971 pezas sobre a comunidade xitana que foron publicadas en 413 medios de prensa escrita e dixital ao longo do pasado ano 2019.

O estudo reflicte un aumento das informacións sobre o pobo xitano con valoracións positivas, que pasan dun 3,77% en 2018 a un 7,51% en 2019. As informacións negativas, pola súa banda, mantéñense nunha porcentaxe similar (7,51%) e un 73,50% das pezas foron consideradas como neutrales. Como noutras edicións do relatorio, os sucesos continúan a ser o tipo de informacións con máis nesgos sobre o comunidade xitana, cun 76,04% das pezas valoradas como negativas,

Entre os aspectos máis preocupantes, recóllese un aumento dos textos de opinión valorados de manera negativa polo equipo, que do 4,47% no 2018 subiron este último ano até o 15,77%. Tamén se contempla un acusado descenso das informacións nas que se consultou a fontes xitanas, que no 2018 foron un 33,50% dos casos totais, e ao ano seguinte se reduciu até o 16,53%, un descenso que desde a organización declaran non saber a que é debido. 

Por último, obsérvase tamén un gran descenso das informacións en profundidade, que baixaron do 26,05% ao 2,29%. Unión Romaní lembra que "o feito de que un texto sexa máis longo non é garantía de que nel aparezan menos estereotipos e prexuízos" pero que un texto máis extenso si ten máis espazo para explicar o contexto, consultar coas fontes e reflectir os feitos de maneira más fidedigna.

CPXG