Aberto ata o 14 de marzo o prazo para presentar candidaturas ao XIII Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Francisco X. González Sarria, Jorge Suárez e Xulia Díaz Sixto na presentación do premio

O Concello de Ferrol acolleu esta mañá a presentación da XIII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. O prazo para presentar candidaturas estará aberto ata as 19:00 horas do 14 de marzo.

Abriu a presentación  Francisco X. González Sarria, decano do CPXG, que agradeceu ao alcalde e á corporación municipal a recepción no Concello e a primeira toma de contacto para poder establecer unha maior colaboración do goberno municipal co premio José Couso. O goberno de Ferrol, asegurou o decano, mostrouse aberto a explorar posibilidades de aumentar a súa implicación na organización do galardon. Sarria anunciou tamén que a entrega do premio vai realizarse o xoves 4 de maio no Teatro Jofre. 

A continuación, Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol, mostrou a súa satisfacción por que a presentación do premio se realice no Concello de Ferrol, "onde sempre se acolleu con moito agarimo" o galardón que leva o nome do camarógrafo asasinado. Nese sentido, Díaz destacou que a localización desta presentación é un acto simbólico que reafirma a relación coa cidade de Ferrol que ten este premio, que desexou que continúe por moitos anos. A presidenta do Club de Prensa puxo énfase tamén na relación do galardón co caso Couso, actualmente á espera dun ditame do Tribunal de Estrasburgo, logo de que o xuíz Pedraz arquivara o caso a causa da reforma lexislativa que eliminou o principio de xustiza universal.

Rematou o acto coa intervención do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez Fernández, que apostou tamén porque o galardón teña unha longa continuidade, "como reivindicación da busca de xustiza polo asasinato de José Couso e como altavoz da defensa da liberdade de prensa".

A preguntas dos comunicadores, González Sarria analizou o momento actual da profesión xornalística, salientando que "son precisamente os xornalistas de Ferrol os que mellor coñecen a precaria situación". Neste sentido, fixo referencia á petición do alcalde de que se reabran as delegacións dos medios públicos na cidade departamental, unha demanda que o Colexio de Xornalistas apoiou publicamente. 

Con este acto, ábrese o prazo de presentación de candidatos ao Premio José Couso, facendo un chamamento á participación de todos os xornalistas. Ata as 19:00 horas do 14 de marzo poderanse presentar as propostas que se van anunciar como definitivas o día 16 de marzo. Entre ese día e as 19:00 horas do 6 de abril, o xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios e socias do Club de Prensa, poderá votar as candidaturas. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. A entrega terá lugar o día 4 de maio no Teatro Jofre de Ferrol.

Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículum vitae, realizarase ao seguinte correo electrónico: premiocouso@xornalistas.gal ou a través da web do Premio Couso

Ferrol, 17 de febreiro do 2017
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia