Almorzo On/Off con Aleida Quintana, activista polos dereitos humanos en México, o mércores 20 en Santiago de Compostela

Aleida Quintana, antropóloga e defensora dos dereitos humanos sobre persoas desaparecidas, vítimas de trata e feminicido en México, participarán o vindeiro mércores 20 de febreiro nunha edición especial dos Almorzos On/Off en Santiago. O encontro terá lugar a partir das 12:00 horas na Sala de Xuntas da sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (Rúa Ponferrada, 9, baixo).

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e Amnistía Internacional organizan este acto que dará comezo ás 12:00 horas. Por motivos de organización, para poder asistir  é imprescindible inscribirse enviando un mail a xornalistas@xornalistas.gal ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado.

Aleida Quintana

Aleida Quintana é licenciada en Antropoloxía Social e defensora dos dereitos humanos en México. É fundadora do Grupo Interdisciplinario pola Equidad T`ek`ei, organización que dá acompañamento a familias de nenas, mulleres e homes desaparecidos, vítimas de trata de persoas e feminicidios en Querétaro. Seguir o proceso xurídico de diferentes casos, a busca, investigación e localización así como o achegamento ás persoas que foran rescatadas,  permitiulle coñecer de preto a implicación que existe entre servidores públicos de primeiro nivel en Querétaro con cárteles de narcotráfico e grupos criminais. Co seu traballo contribuiu ao rescate de nenas, nenos, adolescentes, homes e mulleres que foran desaparecidas coa finalidade de explotalas baixo algunha modalidade de trata. Pero ese mesmo traballo tamén tivo consecuencias para ela. Aleida tivo que saír de México ante as ameazas e acoso do que era obxecto.
 
Esta activista chegou aquí grazas ao programa de Protección Temporal de Defensores e Defensoras de Dereitos Humanos de Amnistía Internacional, que se creou en 1998 e leva acollido a máis de corenta familias. O programa proporciónalles durante un ano un espazo onde poder continuar o seu labor en defensa dos dereitos humanos sen risco para a súa vida ou a súa integridade física cando isto xa non é posible nos seus países de orixe.

Almorzos ON/OFF

Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

Demarcación de Santiago
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia