Anxo Quintela gaña o Premio Nacional de Xornalismo Cultural

O xornalista da CRTVG e colexiado do CPXG Anxo Quintela vén de ser galardoado co Premio Nacional de Xornalismo Cultural. O xurado destacou "a súa traxectoria en múltiplos campos do xornalismo cultural en lingua galega", desde o programa radiofónico Diario Cultural até o espazo O Agro e "a súa continuada implicación no coñecemento e difusión da cultura rural -ás veces desatendida- contribuíndo á súa lexitimación como parte da cultura en sentido amplo".

Anxo Quintela, nado en Vigo en 1960, ten unha extensa traxectoria na radio e a televisión públicas galegas. Dirixiu o documental Recital (2000) da TVG, e desde a produtora Video Voz creou o programa O noso agro, para a TVG, posteriormente denominado O Agro. Foi redactor xefe da revista Agrocultura e, entre 1988 e 1990, membro do consello de redacción da revista Grial. Entre 2003 e 2008 foi director do xornal dixital Vieiros, e colabou ademais con diferentes publicacións, como DornaTempos Novos ou O Correo Galego. Do 2004 ao 2008 foi membro da Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas. Ademais de profesional da comunicación, é poeta, traductor e actor, e ten desenvolvido numerosos proxectos de difusión cultural. 

O Premio Nacional de Xornalismo Cultural tenta recoñecer o labor de profesionais do xornalismo e de institucións que, coas súas obras ou a través da participación activa en diversos ámbitos da creación artística ou literaria, fomentan as actividades culturais contribuíndo con iso ao enriquecimiento do patrimonio cultural de España. Establecido no 2009, os premiados en edicións anteriores foron Jacinto Antón, Fabricio Caivano, Ana Borderas, Juan Cruz, Antón Castro, Diego A. Manrique, Ana Mendoza, Jaume Figueras e Blanca Berasátegui. O ano pasado, o galardón recaeu na compañeira de Anxo Quintela no Diario Cultural da Radio Galega, Ana Romaní. 

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, transmitiulle ao galardoado, no seu propio nome e no da Xunta de Goberno, as felicitacións por este merecido premio co que un ano máis o xornalismo cultural galego volve estar de celebración. 

CPXG