As fontes xitanas, ausentes no 70% das informacións sobre esta comunidade

A nova edición do informe ¿Periodistas contra el racismo? La prensa española ante el Pueblo Gitano da Unión Romaní mostra a neutralidade como o enfoque principal á hora de informar sobre o pobo xitano, pero atopa unha visión negativa en máis do 70% dos casos de pezas sobre conflitos sociais e unha preocupante falta de fontes desta comunidade. 

A Unión Romaní ven de publicar unha nova edición do seu informe ¿Periodistas contra el racismo? La prensa española ante el Pueblo Gitano, no que se analizan 2.331 informacións sobre a comunidade xitana publicadas en 406 medios de prensa escrita e dixital durante o ano 2017, así como seis programas de televisión e mensaxes e comentarios en foros e redes sociales.

O informe recolle confirma as tendencias dos últimos anos no sentido de que a maioría das informacións (o 77,35%) manteñen unha actitude neutral cara a comunidade xitana. Porén, aínda existe un tratamento negativo no 18,40% das pezas con referencia ao pobo romaní, un dato que, se ben descende con respecto ao ano anterior, no que representaban o 19,09%, segue a ser preocupante. Os enfoques negativos están especialmente presentes nas informacións relacionadas con conflitos sociais e delitos, onde se atopan en máis do 70% dos casos, favorecendo os estigmas e estereotipos asociados á comunidade xitana. Por outra banda, é tamén preocupante o feito de que as informacións valoradas como positivas descenderon até o 4,25%, a cifra máis baixa rexistrada nas 15 edicións deste informe.

A presencia de fontes xitanas nas informacións tamén descendeu, pasando do 39,25% no ano anterior a representar só un 31,45%. Isto significa que en case o 70% das pezas publicadas nos medios de comunicación españois sobre este colectivo está ausente calquera voz xitana, producíndose unha información sesgada que silencia esta comunidade e contribúe á súa invisibilización, aislamento e estigmatización. 

Por último, o relatorio salienta o feito de que as televisións privadas tratan o colectivo xitano dunha forma menos imparcial que outros medios, abundando nelas un ton sensacionalista e unha visión sesgada e afastada da neutralidade. Pola contra, destacan o papel das canles públicas de televisión na transmisión de relatos positivos que combaten o odio e a discriminación.

O Colexio de Xornalistas ten publicadas unhas Recomendacións extraídas do foro sobre comunicación e minorías éticas que chama a respectar neste tipo de informacións. Nelas, faise especial referencia ao pobo xitano salientando que "os e as profesionais do xornalismo teñen a responsabilidade social de visibilizar a realidade deste colectivo fundamental na nosa sociedade" fronte a un tratamento que "adoita perpetuar o tratamento morboso, a marxinalización e o tópico duplo das ciganas e os ciganos como artistas ou delincuentes".

CPXG