Cegasal entrega os premios de información sobre economía social

Acto de Entrega do I Premio Cegasal de Xornalismo Social (Foto: Cegasal)

Cegasal entregou este xoves 18 de maio no Gran Hotel Los Abetos de Santiago de Compostela os primeiros Premios á Mellor Información de Economía Social. Os xornalistas Santi Riveiro, Manuel Barral e Ana Fuentes foron os ganadores deste galardón, en cuxa organización colabora o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. 

"Todos os que formamos parte de Cegasal traballamos moi duro para dar visibilidade ás persoas con discapacidad, pero son os medios de comunicación os que exercen de altofalante e mostran á opinión pública as dificultades que atopan estas persoas para optar ao mercado laboral, denunciando as inxustizas ás que se enfrontan polo medo e o descoñecemento de moitos". Así se pronunciou o presidente de Cegasal (Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro), José Antonio Vázquez Freire, na gala de entrega dos Premios á Mellor Información de Economía Social, celebrada na tarde deste xoves en Santiago de Compostela. Os xornalistas Santiago Riveiro (El Correo Gallego), Manuel Barral (La Opinión de A Coruña) e Ana Fuentes (Atlántico Diario) foron os distinguidos nesta primeira edición do galardón impulsado pola asociación, cuxo presidente anunciou unha nova convocatoria. 

Vázquez Freire subliñou que "nos corresponde a todos normalizar o mundo da discapacidade. E nesta tarefa, contar co apoio e a colaboración dos medios e dos seus profesionais ponnos todo máis fácil". O presidente de Cegasal celebrou "a entrega, solidariedade e compromiso" dos xornalistas, á vez que recoñeceu a súa capacidade de reflectir nas súas informacións, "con profesionalidade e corazón", a importancia e a realidade da economía social. Así mesmo, destacou a "enorme colaboración" da Consellería de Economía, Emprego e Industria co labor que levan a cabo desde Cegasal destacando, neste sentido, "o apoio que recibimos desde o primeiro momento do conselleiro Francisco Conde e de todo o seu equipo".

E foi precisamente o conselleiro de Economía, Emprego e Industria o encargado de clausurar a gala que congregou a máis de 150 persoas entre empresarios, representantes de entidades financeiras e profesionais do ámbito universitario e do movemento asociativo. Previamente interveu Xosé Manuel Pereiro, Vicedecano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, órgano que colaborou con Cegasal na convocatoria do Premio.

A celebración, que tivo como escenario o Gran Hotel Los Abetos de Santiago, contou coa presentación da xornalista da TVG Marga Pazos e coa actuación da soada arpista bretoa Bleuenn Le Friec. Marga Pazos recordou na súa intervención ao comezo da gala os inicios da Asociación Empresarial Galega sen Ánimo de Lucro, hai 20 anos, e o reto que supón para as persoas con discapacidade o acceso ao mercado laboral. Neste sentido, sinalou que o limiar de paro para estas persoas supera o 70% e subliñou a importancia do labor realizado por Cegasal nos seus 18 centros especiais de emprego repartidos por toda Galicia.

O acto concluíu coa inauguración dunha exposición fotográfica con imaxes realizadas por Diego Silva nalgúns centros especiais de emprego de Cegasal. A exposición, froito do traballo de tres anos, percorrerá Galicia e o seu seguinte emprazamento será a cidade de Vigo. Posteriormente, os asistentes gozaron dun viño galego.

Premio Cegasal de Xornalismo

O Premio Cegasal á Mellor Información de Economía Social naceu co obxectivo de dar visibilidade ás persoas con discapacidade e mostrar as dificultades que atopan á hora de optaren ao mercado laboral, así como dar a coñecer o traballo que realizan neste sentido os centros especiais de emprego.

Nun principio estableceuse un só premio, de 1.000 euros, pero debido á calidade dos traballos presentados, desde a Asociación decidiuse establecer dous accésit de 500 euros cada un. A segunda convocatoria do galardón, que hoxe anunciou o presidente de Cegasal, farase de forma oficial mediante unha presentación que terá lugar en próximas datas.

CPXG