Este venres remata o prazo para votar no XV Premio Couso

Este venres 5 de abril ás 14:00 horas remata o prazo para que os colexiados e colexiadas do CPXG e as socias e socios do Club de Prensa de Ferrol poidan escoller o gañador do XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa. As candidaturas desta edición son Carole Cadwalladr, #DefendeAGalega, o 'Diario de Mallorca' e as delegacións baleares de Europa Press e Efe, e Juan Moreno.

O XV Premio José Couso de Liberdade de Prensa, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, ten aberto ata as 14:00 horas do 5 de abril o prazo para votar entre as catro candidaturas: Carole Cadwalladr, #DefendeAGalega, o 'Diario de Mallorca' e as delegacións baleares de Europa Press e Efe, e Juan Moreno. Os candidatos, que se distinguiron pola súa defensa da liberdade de prensa, foron propostos polos colexiados do CPXG, asociados do Club de Prensa de Ferrol ou por entidades e persoas relacionadas coa comunicación. 

Os colexiados e colexiadas do CPXG poden votar co seu usuario e contrasinal na parte privada da web www.xornalistas.gal. Pola súa banda os socios e socias do Club de Prensa de Ferrol poderán facelo enviando un mail a premiocouso@xornalistas.gal. O fallo do xurado darase a coñecer nunha rolda de prensa. O acto de entrega terá lugar o día 3 de maio en Ferrol.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol, organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente. As trece edicións anteriores foron para Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia