Finalizado o proceso de selección dun xornalista para o Concello de Ferrol

O Concello de Ferrol abriu a mediados de xuño unha oferta de emprego na Administración local para cubrir unha vacante temporal no Gabinete de Comunicación para un Licenciado/Grao en Xornalismo a través do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

O prazo para que os interesados achegasen remataba o 21 de xuño. En total, recibironse 42 currículos.  Dous deles fóra de prazo e tres que non cumprían co requisito imprescindible da Licenciatura ou Grao en Xornalismo. 

Na selección priorizouse a formación académica e, fundamentalmente, a experiencia demostrable nestes últimos anos en comunicación institucional e mediática en distintos soportes (radio, tv, axencias ou prensa escrita e dixital) no ámbito galego e, en particular, o coñecemento da comarca e da realidade do municipio de Ferrol.

O Concello de Ferrol agradeceu ao Colexio de Xornalistas a súa colaboración e boa disposición neste proceso. O alto número de currículos recibidos en poucos días evidencia o nivel de desemprego nunha profesión que precisa dignificarse e reivindicarse como garante da liberdade e da democracia ante os cidadáns frente os intereses empresariais e políticos que os atenazan.

CPXG