Máis de 550 traballadores da CRTVG piden o peche do expediente a Tati Moyano

O persoal da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) entregou este luns 17 de setembro máis de 550 sinaturas para reclamar que se arquive o expediente disciplinario aberto contra Tati Moyano.

Un total de 562 sinaturas de traballadoras e traballadores, "a maioría do cadro de persoal da CRTVG" en palabras do comité intercentros, apoiaron esta semana a petición que reclama a Alfonso Sánchez Izquierdo o "arquivo inmediato" do expediente disciplinario por falta moi grave que lle foi aberto a xornalista Beatriz Moyano por parte da dirección dos medios públicos. 

A Beatriz Moyano, Tati, foille aberto un expediente disciplinario tras a súa participación como presentadora, o pasado 22 de xuño, nunha gala benéfica contra o cancro celebrada en Santiago de Compostela. A dirección xustifica a abertura do expediente nunha "falta moi grave", a suposta utilización dos servizos de maquillaxe e perruquería da corporación "para fins particulares".

Con todo, fontes do persoal encadran esta medida nas protestas que se están levando a cabo desde hai tempo na CRTVG, entre as que destacan os venres negros. Tati Moyano apoiou na devandita gala as protestas do persoal dos medios públicos e poucos días antes dimitira, xunto co seu compañeiro Alfonso Hermida, como presentadora do Telexornal Serán por discreparen da liña informativa. 

A CRTVG é escenario desde hai meses de numerosas protestas e acusacións de manipulación informativa, algunhas das cales foron contestadas desde a dirección. O pasado sábado 8 de setembro, o Comité de Empresa realizou unha manifestación en Santiago de Compostela xunto co persoal da RTVE en Galicia, baixo o lema "Pola dignidade dos medios públicos". E hoxe mesmo tiña lugar o décimo oitavo venres negro na corporación. 

CPXG