Nace a irmá radial de TeleSur

O próximo Cumio de Xefes de Estado do Mercosur, que se realizará en Brasil a mediados de xaneiro, haberá de alumar o camiño para o nacemento da nova irmá radial de TeleSur: RadioSur. O goberno venezolano levará ó próximo Cumio de Xefes de Estado do Mercado Común do Sur (Mercosur) a proposta formal de crear unha multiestatal radiofónica, RadioSur.
Trátase da creación dunha Rede de Emisoras Radiais en Latinoamérica que combaterá a desinformación difundida polas corporacións mediáticas locais e internacionais, a través do aproveitamento dos diversos xéneros xornalísticos.

A idea do proxecto xorde como unha alternativa comunicacional para combater a información monopolizada que se distribúe tanto nacional como internacionalmente polas grandes corporacións e sucursais tanto dentro de Venezuela como no resto do mundo.

RadioSur constitúese como unha rede de radios activa na batalla por recuperar a identidade, aboar as nosas raíces e acelerar a integración a través dos medios de comunicación de acceso público. En tal caso, RadioSur resultará complemento radial da Nova Televisión do Sur (TeleSur), que iniciou as súas transmisións desde Caracas, o 24 de xullo de 2005.

O proxecto enmárcase dentro das políticas de integración formuladas polo goberno venezolano e ten como finalidade a constitución dunha multiestatal radiofónica que sexa a síntese das emisoras latinoamericanas como ferramenta para fortalecer a soberanía e afondar a integración e a solidariedade latinoamericana e caribeña.

A proposta RadioSur foi sometida a consideración e aprobada polos delegados e representantes de diversas radios estatais e universitarias de varios países latinoamericanos, tales como Arxentina, Ecuador, Chile, Cuba e Venezuela, á súa vez recentemente nucleados na 'Red Latina'. Participaron directivos de emisoras estatais de países latinoamericanos para acordar esforzos que permitan o intercambio de información.

O proxecto foi presentado pola xornalista Helena Salcedo, en nome da Delegación da República Bolivariana de Venezuela, na reunión de outubro pasado que se levou a cabo en Arxentina, para reflexionar sobre as achegas da comunicación social no proceso integrador.

Ten como finalidade a constitución dunha radio que sexa a síntese de todas as emisoras latinoamericanas. A idea é que se constitúa en ferramenta para a integración, reafirmando a diversidade cultural dos seus membros sen perder as súas particularidades; recuperar o valor da palabra como expresión de identidade da rexión, impulsando a produción propia e difundindo as diferentes formas de expresión cultural para nos liberar da hexemonía informativa.

RadioSur implementará un concepto de igualdade comunicacional onde a noticia e a información son as primeiras protagonistas.

Todos os países que formen parte de RadioSur estarán en contacto e informados do que sucede na política nacional de cada un deles.

VENEZUELA
CORRIENTES NOTICIAS