Novas condicións da LFP dificultan a acreditación de fotoxornalistas 'freelance'

A Liga de Fútbol Profesional esixe novas condicións para recibir acreditacións que afectan especialmente ás e aos fotoxornalistas freelance. A Federación de Sindicatos de Xornalistas  vén cde enviar unha carta a Javier Tebas solicitando que se modifiquen estas esixencias. 

A Liga de Fútbol Profesional (LFP) vén de publicar o Procedemento de solicitude de acreditacións 2018/19, que recolle os requisitos para que as e os fotoxornalistas reciban a acreditación que lles permitiría traballar nos estadios onde se xogarán os partidos da nova tempada. Como novas condicións, a LFP esíxelles que conten cunha póliza de responsabilidade civil con cobertura mínima de 300.000 euros e que presenten entre os días 1 e 5 de cada mes os comprobantes de teren pagas as cotas de autónomos á Seguridade Social.

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) vén de dirixir unha carta ao presidente da LFP, Javier Tebas Medrano, na que expresa o seu malestar por uns requerimentos "absurdos" que prexudican especialmente ao conxunto dos freelance, e pide que se modifiquen estas esixencias. A FeSP non ve xustificado requerir unha poliza "sen explicar os tipos de danos que debe cubrir, que continxencias poderían suceder ou por que se introduce agora esta esixencia e por que é dunha contía tan elevada", ademais de considerar "desproporcionado que se esixa o mesmo a unha empresa que a un/ha fotoxornalista que non pertence ao cadro de persoal”. 

En canto á condición de presentaren os comprobantes de pagamento da cota de autónomos, a FeSP salienta que a LFP “non é unha institución que teña atribuidas competencias para controlar se los profesionales da información cumpren as súas obrigas coas administraciones públicas" e critica tamén o prazo que se daría para  presentalo, dado que "é inusualmente curto para cumplimentar o devandito trámite porque a miúdo, por circunstancias de todo tipo, haberá compañeiros e compañeiras que non podrán facelo nese breve periodo”.

CPXG