O 30 deste mes remata o prazo para presentarse á bolsa Nacho Mirás para novos titulados

Imaxe da bolsa "Nacho Mirás"

O xoves 30 de xuño remata o prazo para presentar proxectos á bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados conta cunha dotación económica de 5.000 euros, e vai apoiar proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. 

Poden concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos anos (2016, 2015, 2014 ou 2013) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 5.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado o considera.

A recepción de propostas está aberta até o 30 de xuño de 2016. As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles. Valorarase que o proxecto se materialice en galego, ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que poida supor unha solución profesional para os solicitantes, a viabilidade de futuro do proxecto, a orixinalidade, a amplitude xeográfica do proxecto, o traballo en equipo e a documentación da memoria.

CPXG