O Colexio de Xornalistas expresa o seu pesar pola morte de Rafael Vilaseca

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no nome de toda a profesión, recibe con tristura a nova do falecemento de Rafael Vilaseca, decano dos xornalistas lucenses, e traslada as súas condolencias á familia e achegados.

Rafael Vilaseca Otero naceu en Pamplona en 1923 e chegou a Lugo en 1941. Herdou do seu pai, crítico taurino, a paixón polo xornalismo, a profesión á que dedicaría toda a súa vida. En 1965 foi o encargado de pór en marcha a delegación de La Voz de Galicia en Lugo, a primeira que este xornal abriu fora da provincia da Coruña. Alí traballaría até a súa xubilación en 1990, marcando co seu estilo o xornalismo lucense, desde seccións como Muralla Romana, onde retratou a vida da cidade. En 1999, xa xubilado, pasou a formar parte como colexiado do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia,. 

A Xunta de Goberno do CPXG, en nome do conxunto de profesión, quere expresar o seu fondo pesar pola morte deste compañeiro. Hoxe, 19 de febreiro, ás 18:30 horas, tera lugar unha misa rezada polo seu descanso na capela de Velatorios Lucenses.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia