O Colexio de Xornalistas lembra as recomendacións para a cobertura dos incendios forestais

Lume no Monte Galleiro (Pazos de Borbén) no 2017 (Foto: Contando Estrelas (CC BY-SA 2.0))

Co gallo do inicio da campaña de alto risco de lumes forestais en Galicia, o Colexio de Xornalistas quere lembrar e ampliar as recomendacións para as e os xornalistas que teñan que cubrir información relacionada cos incendios. 

O pasado 1 de xullo iniciábase á campaña de alto risco de lumes forestais en Galicia, que terá unha duración de tres meses, pero que se poderá extender a outras épocas do ano se se considera necesario, tras a tráxica vaga de incendios producida en outubro do ano pasado. Aínda que as condicións meteorolóxicas parecen prever un menor risco de incendios que en anos pasados, fronte á posibilidade que se produzan algúns lumes, o Colexio de Xornalistas quere lembrar algunhas recomendacións para o tratamento destes. 

Para situacións de emerxencias como as que poden provocar algúns dos incendios máis graves, o Colexio de Xornalistas ten a disposición dos e das profesionais dúas ferramentas: a Guía práctica para o tratamento informativo de emerxencias, catástrofes e persoas desaparecidas e o Decálogo de recomendacións para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe.  Entre as recomendacións destes dous documentos, resulta necesario salientar dúas no caso dos lumes: a obriga de usar con especial coidado o material gravado por terceiros, que debe ser sempre contrastado e editado para evitar a emisión de imaxes innecesarias ou espectacularizantes, e a necesidade de evitar a precipitación á hora de atribuír responsabilidades.

A importancia de seguir estas recomendacións ou outras semellantes non é un asunto menor, senón que está en xogo o feito de exercer un xornalismo responsábel, que transmita á cidadanía toda a información sobre os incendios con rapidez mais tamén con rigor. Recentemente, un estudo sobre a cobertura da vaga de lumes do 2017 realizado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e a Universidad Internacional de La Rioja, que utilizou como guía as recomendacións do Colexio de Xornalistas, salientaba algunhas eivas no tratamento informativo, especialmente á hora de contrastar e editar as gravacións de afeccionados. 

Por outra banda, é importante que as e os xornalistas que se desprazan a informar sobre os lumes tomen medidas para preservar a seguridade, protexéndose con máscaras (ou, no caso de non ter, cun pano mollado en auga), lentes semellantes ás dos esquiadores e un casco que teña entrada e saída de aire, así como levando auga en abundancia.  É recomendábel tamén identificarse ante os profesionais da extinción e a viciñanza cunha banda de cor butano no brazo e estar en contacto directo con algún grupo a través do móbil ou das redes sociais, así como ter coñecementos de primeiros auxilios sobre queimaduras. E, por suposto, non tomar riscos: analizar ben a situación, escoller zonas amplas e desbrozadas para informar, evitar conducir por estradas de monte ou estreitas, non bloquear os camiños e facer caso en todo momento aos equipos de extinción de incendios. Ante calquera emerxencia debe establecerse contacto co 085 ou o 112.

CPXG