O Colexio de Xornalistas reactiva a campaña #NonDifundasMachismo

O Colexio de Xornalistas volve pór en marcha a campaña #NonDifundasMachismo para concienciar fronte ao tratamento irresponsábel das informacións sobre violencia machista. 

Ante a ofensiva de violencia machista que se está a producir, con polo menos 15 mulleres asasinadas no Estado no que vai de ano (dúas delas en Galicia), e as continuas eivas detectadas no tratamento destas informacións, o Colexio de Xornalistas volve activar nas redes sociais a campaña #NonDifundasMachismo, coa que quere concienciar contra a persistencia de tratamentos machistas nas informacións dos medios de comunicación.

A implicación dos medios de comunicación é esencial para erradicar a violencia de xénero. Nas mans das e dos xornalistas está evitar tratamentos que reduzan a gravidade, banalicen, ou de calquera outro xeito xeren tolerancia cara esta violación dos dereitos humanos. Detalles morbosos, violacións da intimidade, valoracións subxectivas, descontextualizacións, eufemismos... non teñen cabida nunha información responsábel dos casos de violencia machista. 

Para lembrar todo isto, desde as redes sociais do Colexio de Xornalistas compartiranse, co hashtag #NonDifundasMachismo, distintos exemplos de prácticas desaconselladas na abordaxe informativa da violencia de xénero, así como ferramentas para que as e os profesionais da comunicación realicen un mellor tratamento destas informacións. Así mesmo, o CPXG mantén aberta tamén unha liña de traballo co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para mellorar o compromiso dos medios na erradicación da violencia machista. 

CPXG