O Colexio de Xornalistas súmase ao comunicado conxunto 'Sen xornalismo non hai democracia'
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de sumarse ao comunicado conxunto Sen xornalismo non hai democracia, impulsado polo Col·legi de Periodistes de Catalunya ante as últimas agresións sufridas por uns 65 xornalistas, segundo os últimos recontos, no contexto das protestas en Cataluña. O manifesto reproba á actuación dos corpos policiais con respecto aos informadores, especialmente inadmisíbel no caso da detención dun profesional da comunicación, e reclama aos poderes políticos que se investiguen os feitos e se depuren responsabilidades. Así mesmo, reclama á cidadanía e aos partidos políticos respecto ao traballo dos xornalistas, sen que estes sexan albo de accións violentas, e lembra que, de existiren queixas por informacións publicadas, hai vías para facer reclamacións ao Consell de la Informació de Catalunya e ao Consell de l'Audiovisual de Catalunya sen culpar aos profesionais das liñas informativas dos medios. Asinan o manifesto xa unha vintena de colexios, organizacións de xornalistas, medios de comunicación e comités profesionais.
Este é o texto íntegro do manifesto:
Ante a avalancha de agresións que os e as xornalistas estamos a padecer os últimos días, queremos advertir á cidadanía que se están a vulnerar os seus dereitos. A nosa insistente e reiterada chamada a que paren as agresións aos e ás profesionais da información vai moito máis alá dunha reivindicación corporativista, é un grito de alarma ante o deterioro da liberdade de expresión e da liberdade de prensa.
O xornalismo ten a función social de facer chegar á cidadanía a información necesaria para se formaren un criterio sobre os asuntos públicos de maneira libre. Cada vez que alguén obstaculiza o traballo dun/ha xornalista, está a atentar contra o sistema democrático.
A cifra de case 65 xornalistas –segundo os últimos recontos– vítimas de agresións mentres facían o seu traballo é absolutamente intolerábel. Rexeitamos todas e cada unha destas accións, veñan de onde veñan, porque supoñen un ataque ao dereito á información da cidadanía. Facemos notar, porén, que son especialmente graves cando proveñen de servidores públicos.
Por estes motivos, as entidades que asinan abaixo:
1. Reprobamos especialmente a actuación dos corpos policiais, tanto dos Mossos d'Esquadra como da Policía Nacional. A maioría dos e das informadores/as agredidos/as ían perfectamente identificados/as como tales co correspondente chaleco e/ou o brazalete laranxa. A arbitrariedade de moitas accións policiais fai pensar que estas agresións teñen como obxectivo intimidar os e as xornalistas para os afastaren dos lugares onde se producen os feitos e evitar testemuñas dos abusos que poidan cometer.
2. Reclamamos tanto á conselleria de Interior da Generalitat como ao ministerio español de Interior que investiguen os feitos e depuren as responsabilidades que procedan. Así mesmo esiximos que, desde as respectivas administracións, se impulsen as actuacións suficientes para garantir que os e as profesionais da información poderán traballar na rúa sen trabas e facer o seu traballo sen temer pola súa seguranza. As entidades abaixo asinantes ofrecémonos para formar os corpos policiais sobre as obrigacións dos funcionarios públicos de garantir o dereito á información da cidadanía para evitar que estas situacións se repitan no futuro.
3. Reprobamos aínda con máis émfase a detención de que foi obxecto un compañeiro por parte de axentes da Policía Nacional, totalmente inadmisíbel tanto nas formas coas que estes axentes trataron o compañeiro como no fondo, isto é, por tela realizado.
4. Pedimos ao conxunto da cidadanía e aos participantes en manifestacións e protestas que respecten o noso traballo para poder garantir os seus dereitos democráticos á información. Os e as profesionais non somos máis que o resto da cidadanía e desexamos que todas as mobilizacións sexan pacíficas e que ninguén sexa obxecto de ningún acto violento. Mais sabemos tamén que, a veces, isto non é posíbel e nós estamos alí xustamente para poder explicarllo á opinión pública. Por isto pedimos que se protexa esta tarefa para garantir un dos dereitos fundamentais na democracia, como é o dereito á información.
5. Pedimos aos partidos políticos, unha vez máis, o respecto e o recoñecemento do noso traballo.
6. Entendemos que pode haber persoas molestas pola liña informativa dalgúns medios de comunicación. Esta liña non a deciden os profesionais que están a pé de rúa cubrindo a realidade. Recordamos que para queixarse da información que se recibe, calquera persoa pode dirixirse ao Consell de l'Información de Catalunya e tamén ao Consell de l'Audiovisual de Catalunyaa se pensa que unha información vulnera o Código deontolóxici da profesión xornalística. Mais a indignación que poidan sentir non a poden dirixir contra os traballadores dos medios que cubren os acontecementos.
CPXG