O CPXG considera inadmisible a reacción de Juan Luís Cebrián ante o caso dos ‘papeis de Panamá’

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) considera que calquera cidadán ten dereito a recorrer aos tribunais cando cre que unha información xornalística afecta a súa honra e credibilidade, tal e como fixo Juan Luís Cebrián ante as informacións sobre a súa presunta aparición nos chamados ‘papeis de Panamá’.

Mesmo o ten, aínda que non deixa de ser un triste paradoxo, cando, como no seu caso, é presidente dun grupo de comunicación que publicou -e polo tanto, apoiou a súa veracidade- a implicación de distintos personaxes públicos nese mesmo asunto. 

 Pero o despedimento fulminante de Ignacio Escolar, director do medio que revelou esa información, eldiario.es, como colaborador da cadea de radio do grupo é un claro ataque á liberdade de expresión, e unha lamentable confusión entre os lícitos intereses persoais do directivo dun grupo empresarial co non menos lexítimos, e distintos, dese grupo. Confusión que se fai máis patente, e convértese nunha clara vulneración dos dereitos dos traballadores, cando se prohibe aos redactores das distintas empresas do grupo colaborar con eldiario.es, La Sexta ou El Confidencial. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, como entidade de dereito público que representa legalmente aos profesionais galegos vese na obriga de defender aos que se ven afectados nesta comunidade autónoma por esta medida, que considera claramente arbitraria.

 

Xunta de Goberno

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia