O CPXG cre que a xustiza non debe ser unha ameaza á liberdade de expresión
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia cre que a xustiza debe ser sempre unha garantía para a Liberdade de Expresión, e non unha ameaza.
Por iso, recibimos con preocupación as novas recentes sobre a disputa xudicial dalgúns asuntos que poderían interferir con dereitos básicos para o exercicio do noso labor profesional, como son a Liberdade de Información e a Liberdade de Expresión.
A última destas disputas afecta ao colexiado Valentín Carrera, demandado por Cementos Cosmos S.A. por unha suposta intromisión ilexítima no Dereito ao Honor da empresa. A causa foi o seu artigo de opinión “La Verdad sobre la Incineradora de Cosmos”, publicado en La Nueva Crónica en agosto de 2017.
Xa cando os teóricos da Ilustración formularon e debateron os fundamentos da Liberdade de Expresión, explicaron que “a verdade dunha idea se revela na súa capacidade para ser confrontada, en igualdade de condicións, coas demais”. A inclusión da Liberdade de Expresión na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, no seu artigo 19, consolida a convicción de que a posibilidade do disenso está na base de calquera sistema democrático.
Sen prexuízo do que poidan decidir os tribunais no caso que nos ocupa, e sen poñer en dúbida a lexitimidade da demanda, queremos lembrar que o Dereito de Rectificación foi concibido precisamente para resolver este tipo de casos sen chegar aos tribunais, concedéndolle á parte supostamente agraviada a posibilidade de responder no mesmo medio e con igual extensión e relevancia gráfica ás supostas ofensas. A propia rectificación xa supón unha considerable defensa, dado que obriga á inclusión do punto de vista da parte, sen que tampouco teña que achegar máis proba que o seu parecer.
No Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamentamos profundamente que non se chegase a a unha solución polas vías ordinarias. O ideal sería que a opinión se combatese con opinión ou con datos, non con preitos, tanto máis se temos en conta que se trata dun xénero subxectivo ao que non se lle pode esixir proba de verdade.
As rebaixas na confrontación e no debate de ideas ás que pode conducir o medo e a xudicialización pode ser tamén a rebaixa da calidade da democracia que temos.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia