O CPXG lembra que tamén en Europa continúan impunes crimes contra xornalistas

O 2 de novembro é o Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas, unha data estabelecida desde o 2013 para denunciar a falta de castigo para os asasinatos de xornalistas e lembrar que sen garantías da seguridade dos e das informadoras, é toda a sociedade a que sofre unha falta de liberdade de información e de dereitos. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere sumarse, xunto a numerosas organizacións de xornalistas de todo mundo, a esta data reivindicativa nun ano no que a pandemia da Covid-19 e o aumento dos ataques aos xornalistas fan cada vez máis difícil o labor de informar. 

Nunha data como esta, non podemos caer na tentación de pensar que a impunidade dos asasinatos de xornalistas é algo que só acontece en xeografías afastadas e que está moi lonxe de afectarnos directamente. Os estudos reflicten que cada vez son máis os riscos de informar en Europa. Na propia Unión Europa  seguen sen resolverse crimes como os de Martin O'HaganDaphne Caruana Galizia ou Ján Kuciak, e até 22 casos máis continúan impunes no noso continente. O estudo do Consello de Europa A misión de informar: falan xornalistas en risco recolle numerosos testemuños das ameazas ás que se enfrontan as e os xornalistas que investigan a corrupción. Os ataques producidos na cobertura de protestas tamén aumentaron de maneira preocupante na nosa contorna. 

E por suposto, nunha data na que se reivindica a xustiza para os crimes cometidos contra os xornalistas, o Colexio de Xornalistas non pode esquecer o caso que nos é máis próximo, o de José Couso. Dezasete anos depois, seguimos a reclamar, xunto á súa familia, que remate a impunidade polo asasinato do cámara ferrolán. A condena ao Estado a indemnizar á familia Couso deste ano, lamentabelmente recorrida polo Goberno, significou un primeiro paso por recoñecer a inacción da administración, mais, como diciamos daquela, non invalida a necesidade de xustiza para este crime. A liberdade de información da nosa sociedade só pode afirmarse co fin da impunidade e co estabelecemento de medidas que garantan a seguranza das e dos xornalistas, tanto se traballan en conflitos como se cobren protestas ou fan xornalismo de investigación. 

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia