O Tribunal de Estrasburgo fai prevalecer a liberdade de prensa nunha sentenza sobre o dereito ao esquecemento nas hemerotecas

Unha recente sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo denega o dereito ao esquecemento nas hemerotecas a dous cidadáns alemáns e salienta a importancia dos arquivos dixitais dos medios. 

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo vén de fallar contra o dereito ao esquecemento de dous cidadáns alemáns que reclamaban que os seus nomes fosen eliminados das buscas das hemerotecas de tres medios en relación a unha condena por asasinato. A sentenza considera o caso unha cuestión de liberdade de prensa e salienta especialmente a importancia dos arquivos, considerando que o dereito de acceso público a ese material online ten prevalencia sobre o dereito ao esquecemento dos afectados.

Os denunciantes, condenados no 1993 polo asasinato dun coñecido actor, reclamaban que os seus nomes foran desvinculados das informacións relativas a esta morte nas hemerotecas da radio pública alemá, o xornal Der Spiegel e o periódico local Mannheimer Morgen. A xustiza alemá deulles a razón nas primeiras instancias, pero o dereito ao esquecemento foilles denegado polo Tribunal Federal de Justicia, equivalente alemán ao Tribunal Supremo español. Agora, a corte de Estrasburgo sentenza definitivamente que neste caso prima a liberdade de prensa.

O Tribunal de Estrasburgo sostén na súa decisión que os Estados teñen unha marxe propia de apreciación para ponderar entre o dereito ao esquecemento e a liberdade de prensa, e salienta no fallo algúns elementos que estabelecerían diferenzas coa recente decisión do Tribunal Constitucional español, como o feito de tratarse dun asasinato mediático, de que o acceso ás hemerotecas sexa de pagamento ou de que os propios afectados buscaran nun determinado momento a repercusión mediática. Con todo, algúns expertos confrontan tamén a importancia que dá esta sentenza aos arquivos dixitais dos medios co fallo do Constitucional, que parece tratalos simplemente como motores de busca.

CPXG