Os obradoiros de Xornalismo na Escola “la Caixa” chegan esta semana a Verín, Xinzo e A Rúa

Primeiro obradoiro da cuarta edición de Xornalismo na Escola "la Caixa" celebrado o 18 de febreiro no IES Isaac Díaz Pardo de Sada

Esta semana,  'Xornalismo na Escola "la Caixa"', a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia. chega aos institutos de Verín (martes 19), Xinzo de Limia (mércores 20 e xoves 21) e A Rúa (venres 22).

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` visita esta semana o IES Castro de Baronceli de Verín, o IES Lagoa de Antela de Xinzo e o IES Cosme López da Rúa. Así, o programa desta nova semana de obradoiros de xornalismo na provincia de Ourense, todos eles impartidos polo xornalista Edgar Melchor Fernández, é o seguinte: 

  • Martes 19 no IES Castro de Baronceli de Verín, das 9:45 ás 11:15 e das 11:40 ás 13:10. 
  • Mércores 20 no IES Lagoa de Antela de Xinzo, das 8:30 ás 10:00. 
  • Xoves 21 no IES Lagoa de Antela de Xinzo, das 12:30 ás 14:00. 
  • Venres 22 no Cosme López da Rúa, das 10:30 ás 12:00 e das 12:40 ás 14:10. 

 

Ao longo da semana, Xornalismo na Escola “la Caixa” chegará tamén ao alumnado do IES Alfonso VII de Caldas de Reis (xoves 21 ás 9:10) e o CPI Camiño de Santiago do Pino (venres 22 ás 10:30 e 12:30). Ademais, nos vindeiros días impartiranse obradoiros noutros centros de ensino ourensáns, como o IES Otero Pedrayo de Ourense, o CPI Antonio Failde de Coles ou o IES Cidade de Antioquía de Xinzo.

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Susana Bastón Carballo, Pablo Díaz Bouza, Davide Fernández García, David Fontán Bestilleiro, Alfonso González Redondo e Edgar Melchor Fernández son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As tres primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016, 2017 e 2018 uns 250 talleres de comunicación nun cento de puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG