Outro 8 de abril con José Couso na memoria

Un ano máis, neste 8 de abril cómpre lembrar a José Couso, asasinado en 2003 xunto ao xornalista ucraíno Taras Protsyuk, cando o hotel de Bagdad no que se aloxaba a prensa internacional que cubría a guerra de foi atacado por un tanque dos Estados Unidos. Ese mesmo día morría tamén o xordano Tarek Ayub nun ataque contra a oficina de Al Jazeera.

Dezaseis anos despois daquelas mortes, a morte do cámara ferrolán continúa impune e a revisión da Lei de Xustiza Universal, cuxa reforma eliminou en 2014 a posibilidade de xulgar os autores do asasinato de Couso, continúa paralizada a pesar de terse acadado un acordo de todos os grupos parlamentarios a finais do ano pasado.

No día de onte, senllas concentracións volvían reclamar, en Ferrol e en Madrid, xustiza para a morte do camarógrafo e que se retome o consenso parlamentario para tumbar a reforma da Lei de Xustiza Universal. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que lamentara no seu día unha reforma que deixa indefensos a xornalistas e cooperantes en conflitos armados, non pode senón sumarse ás voces que reclaman á volta da xustiza universal ao noso país e o fin da impunidade para o asasinato de José Couso. 

Manter a memoria e a loita do caso de José Couso é loitar tamén pola liberdade de información e o libre exercicio do xornalismo. Desde 2004, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol honran a memoria do camarógrafo organizando o Premio de Liberdade de Prensa que leva o seu nome. Carole Cadwalladr, #DefendeAGalega, o 'Diario de Mallorca' e as delegacións baleares de Europa Press e Efe e Juan Moreno son os candidatos a ser premiados este ano co XV Premio Couso.

CPXG