Recomendacións do Ministerio de Sanidade para informar das condutas suicidas

O Ministerio de Sanidade publica un Decálogo de recomendacións para os e as profesionais dos medios de comunicación ao informar sobre o suicidio, realizado coa colaboración, entre outras organizacións, da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas.

O Ministerio de Sanidade vén de facer públicas as súas recomendacións, dirixidas aos medios de comunicación, para informar dunha maneira responsábel sobre condutas suicidas e contribuír á súa prevención. O documento foi realizado por un grupo de traballo multidisciplinar entre os que se encontraba un representante da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas

As recomendacións, tituladas Decálogo de recomendacións para os e as profesionais dos medios de comunicación ao informar sobre o suicidioconstan de dez indicacións básicas resumidas nos seguintes titulares: Informar si, pero con responsabilidade; Afastarse do sensacionalismo; Coidar a linguaxe; Cantos menos detalles, mellor; Achegar datos e testemuñas fiábeis; Non simplificar unha realidade complexa; Desmentir mitos e falsas crenzas; ¡Coidado coas redes sociais!; Informar cun enfoque positivo e Ofrecer información de axuda. O documento inclúen información máis pormenorizada e exemplos sobre prácticas a fomentar ou evitar. Ademais, estas recomendacións complétanse cun Manual de apoio para os profesionais dos medios, no que se inclúen diversas informacións prácticas 

Aínda que España se sitúe entre os países de Europa cunha taxa máis baixa de suicidios (7,6/100.000 habitantes ao ano), estes continúan a ser a principal causa de morte externa, con 3.539 falecementos no 2018. Por termo medio, cada día en España morren máis de 10 personas por suicidio, máis do dobre de vítimas que por accidentes de tráfico, e moitas máis sofren as consecuencias.

No pasado foi unha tendencia xeral o silencio sobre os suicidios nos medios de comunicación, por temor a un posíbel "efecto contaxio", pero isto colaborou a fomentar o tabú e o estigma sobre as condutas suicidas, que dificultan a súa prevención e engaden sufrimento ás persoas achegadas. Por iso, hai anos que a Organización Mundial da Saúde traballa na elaboración de recomendacións que sensibilicen e faciliten información sobre o suicidio nos medios de xeito adecuado, contribuíndo así a evitar a perda de vidas.

Nesa liña é na que se sitúan as recomendacións do Ministerio de Sanidade e tamén a Guía práctica para o tratamento informativo dos suicidios, incluída nas Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano InformaDor realizadas conxuntamente polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, que inclúe recomendacións e fontes específicas para o tratamento das condutas suicidas na nosa comunidade.

Ademais da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas, entre as organizacións que participaron no grupo de traballo do Decálogo de recomendacións para os e as profesionais dos medios de comunicación ao informar sobre o suicidio participaron, entre outros, a Federación de Asociaciones de Periodistas de España, a Federación de Sindicatos de Periodistas, ANIS - Informadores de la Salud, a Confederación Salud Mental España, a Policía Nacional, a Asociación Internacional de Estudios de Bombeiros e a  Asociación de Supervivientes Después del Suicidio. 

CPXG