Sete proxectos presentados á bolsa 'Nacho Mirás'

Imaxe da bolsa "Nacho Mirás"

Sete propostas variadas foron presentadas á bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. O xurado delibera xa para escoller o gañador.

Un total de sete proxectos foron presentados á primeira edición da bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados. As candidaturas presentadas, nas que participan ata catorce persoas, inclúen dende o estabelecemento de empresas de comunicación até proxectos de radio, audiovisuais, fotográficos, ou relacionados coas novas tecnoloxías. As temáticas son tamén variadas, abarcando cuestións sociais, culturais, internacionais ou do propio mundo da comunicación.

O xurado, formado por tres membros da Xunta de Goberno do CPXG, un representante de Abanca, un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e tres xornalistas en activo, está xa a deliberar sobre as propostas presentadas. O fallo darase a coñecer nesta primeira quincena de xullo. A contía da bolsa pode ser dividida se o xurado considera que os proxectos presentados teñen unha valía parella ou ningún é merecedor da totalidade.

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados conta cunha dotación económica de 5.000 euros, e apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.

CPXG