Solicitan ao goberno que garanta o acceso á información durante o estado de alarma

A Coalición ProAcceso pide ao goberno que modifique o decreto do estado de alarma para garantir o dereito de acceso á información a través do Portal da Transparencia, limitado pola suspensión de prazos administrativos. Solicitan tamén a creación dunha sección no devandito portal para recoller toda a información relacionada coa Covid-19 a nivel estatal, autonómico e local.

A Coalición ProAcceso, que agrupa a unha trintena de organizacións, vén de solicitar ao goberno que garanta o exercicio do dereito de acceso á información a través do Portal da Transparencia, un dereito "que neste momento se atopa seriamente limitado pola suspensión de prazos administrativos" recollida no decreto de declaración do estado de alarma. Entre as entidades solicitantes atópanse varias relacionadas co xornalismo, como a Asociación de Usuarios de la Comunicación, a Associació Ciutadania i Comunicació, a Federación de Sindicatos de Xornalistas ou a sección española de Reporteiros sen Fronteiras.  

Nunha carta dirixida a Carolina Darias, Ministra de Política Territorial e Función Pública, as organizacións asinantes salientan que é “precisamente en tempos de crise cando o dereito de acceso á información e a transparencia deben ser unha prioridade, pois favorecen que os cidadáns coñezan as actuacións gobernamentais e aseguran a rendición de contas axeitada por parte das institucións públicas, condicións indispensábeis para afianzar a confianza da sociedade nos gobernos”.

Desde a Coalición ProAcceso lémbranlle ao Goberno español exemplos de boas prácticas, como o da Arxentina, onde se modificou a suspensión de prazos administrativos para manter os de resposta ás solicitudes de acceso a la información, ou os do Consello de Europa e a Comisión Europea, que manteñen o prazo de 15 días para responder ás preguntas. Por iso piden ao executivo que modifique o apartado do decreto relativo aos prazos administrativos para garantir o acceso á información ou que, no caso de non o modificar, inste a responder "de forma prioritaria" as peticións de información relacionadas coa Covid-19.

Así mesmo, solicitan a creación dun apartado dentro do Portal da Transparencia que estea dedicado en exclusivamente á Covid-19, agrupando de maneira centralizada "toda a información relacionada coa xestión da pandemia a nivel nacional, autonómico e local" e ofrecendo os datos coa maior desagregación posible, en formatos abertos e reutilizábeis e cos seus respectivos metadatos.

CPXG