Xornalismo na Escola 'la Caixa' chega esta semana a Ferrol, A Coruña e Castro Caldelas

Obradoiro de Xornalismo na Escola celebrado o pasado tres de febreiro no IES David Buján de Cambre

A actividade da quinta edición de Xornalismo na Escola "la Caixa", a iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, continúa a súa andaina esta semana con obradoiros en Ferrol (mércores 12, dous talleres), A Coruña (xoves 13) e Castro Caldelas (xoves 13).

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` visita esta semana o IES de Catabois en Ferrol, o IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña e o CPI Virxe dos Remedios de Castro Caldelas, co seguinte programa: 

  • Mércores 12 de febreiro, IES de Catabois en Ferrol entre as 12:45 e as 14:25 horas, a cargo de Manuel González Sánchez-Guisande.
  • Xoves 13 de febreiro, IES Ramón Menéndez Pidal da Coruña entre as 11:20 e 13.00 horas a cargo de Manuel González Sánchez-Guisande.
  • Xoves 13 de febreiro,  CPI Virxe dos Remedios de Castro Caldelas entre as 12:20 e 13:50 horas a cargo de Edith Filgueira Rodríguez.

 

Manuel González Sánchez-Guisande ten unha longa traxectoria como xornalista, traballou 25 anos en La Voz de Galicia e ten publicado once libros e realizado exposicións en diferentes países. Edith Filgueira Rodríguez realizou distintos labores como xornalista na Axencia Efe, La Voz de Galicia, Onda Cero ou El Mundo. Ademais deles, os xornalistas seleccionados para impartir os obradoiros son Ángel Castro Silva, Xavier López Quiroga, María Rodiño Pérez e Olaia Tubío Rei

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio, os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG