Xornalismo na Escola “la Caixa” volve á actividade con obradoiros en Muros e Quiroga

Obradoiro de Xornalismo na Escola "la Caixa" celebrado o 9 de marzo no CPI dos Dices de Rois

O IES Fontexería de Muros acolle o luns 30 de novembro o regreso da quinta edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’. Ademais, o mércores 2 e venres 4 de decembro celebraranse tamén no IES de Quiroga obradoiros da iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para difundir o xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia. Adaptándose á actual situación, os talleres incluirán un apartado para facer fronte aos novos retos informativos impostos pola pandemia e extremarán as medidas de seguranza sanitaria. 

A quinta edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para achegar a comunicación ao alumnado dos institutos galegos, retoma a súa actividade o vindeiro luns 30 de novembro con dous obradoiros no IES Fontexería de Muros (A Coruña). Os talleres desenvolveranse entre as 12:30 e as 14:00 e entre as 16:15 e as 17:45 horas, e estarán impartidos por Olaia Tubío Rei. O mércores 2 e o venres 4 de novembro, ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ trasládase ata Quiroga, en Lugo, onde Xavier López Quiroga realizará senllos obradoiros en horario de 12:50 a 14:30 horas no IES da localidade.  

Tras a parada obrigada pola crise sanitaria e a suspensión das aulas en marzo, volven os obradoiros de xornalismo para escolares de 3º e 4º da ESO dos institutos de educación secundaria de Galicia, e fano nun momento no que son máis necesarios que nunca, cun panorama mediático invadido pola sobreinformación e as 'fake news'. De feito, os talleres incluirán a partir de agora un apartado sobre a Covid-19, para fornecer os estudantes con ferramentas para enfrontarse á desinformación neste tema e comprender mellor a información científica. 

Ademais, os escolares familiarizaranse co funcionamento dos medios de comunicación e coñecerán aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e a importancia de contrastar as informacións. Serán talleres dinámicos nos que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Ademais de Olaia Tubío e Xavier López Quiroga, os xornalistas seleccionados para impartir os obradoiros son Ángel Castro Silva, Edith Filgueira Rodríguez, Manuel González Sánchez-Guisande e María Rodiño Pérez, todos eles con ampla traxectoria profesional, que en moitos casos inclúe tamén formación a nivel didáctico. Por suposto, todos os talleres realizaranse respectando de maneira escrupulosa todas as medidas de seguranza, de maneira que a saúde de xornalistas e alumnado se compaxine coa necesaria formación mediática das e dos escolares.  

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG