Xornalistas galegas cántanlle as corenta aos medios de comunicación pola persistencia das desigualdades

Mulleres profesionais de diferentes ámbitos, idades, condicións e funcións demandan #IgualdadeDePrensa na campaña deseñada polo Colexio de Xornalistas de Galicia para este 8 de marzo, e reivindican a súa propia voz

A iniciativa queda aberta a partir de agora á partipación de todas as que decidan sumarse ao noso hashtag. Comezámola cun grupo de mulleres que saíron arrastrando co as de espadas da palabra, e que puxeron no centro do tapete conceptos como brecha salarial, corresponsabilidade, teito de cristal, dobre xornada, discriminación ou estereotipos.

Entre as participantes hai nomes como os de Margarita Ledo -a primeira decana da Facultade de Xornalismo-, Tareixa Navaza -o primeiro rostro que nos narrou noticias en galego por televisión-, ou Ana Expósito -a xornalista de medios galegos con máis experiencia na cobertura de conflitos internacionais-; hai mulleres que dirixen medios e coordinan contidos, como Ana Pardo de Vera, Carmen Merelas, Valeria Pereiras ou María Obelleiro, e tamén moitas reporteiras a pé de rúa. Falaron mulleres que bregan en seccións que aínda están hipermasculinizadas, como deportes ou economía; e tamén bolseiras, autónomas, guionistas, académicas e especialistas en comunicación dixital. Todas xuntas, cantáronlle as corenta ao noso sector, por todos os trofeos e loureiros que levan os seus xefes ou os recoñecementos que obteñen os seus compañeiros e que silencian moitas veces o traballo invisible de mulleres. Despois cantaron as vinte en copas para brindar polo compañeirismo, polo mérito, e pola igualdade de trato, e para desexar que remate dunha vez o parternalismo, a condescendencia e a discriminación.

Se a man vai de ouros, ou de euros, as xornalistas galegas tamén queren asisitir: poñer boca arriba o conto da raíña do fogar, a fábula da supermamá ou o calote das cremas redutoras de xornada laboral. Ter fillos non pode seguir penalizando a calidade de vida das xornalistas, os seus salarios e as súas pensións; non pode seguir constituíndo un agravio comparativo cos homes.

Altas e claras, as xornalistas elevaron aínda máis o ton para cantar as vinte en bastos contra a violencia e as súas cifras obscenas, infames e indecentes. A cultura machista é esa ignominia na que agroman as agresións, e pode ser combatida coa boa influencia dos medios. Pero para acabar cos roles, a hipersexualización e  os prexuizos sexistas cómpren as gafas de ver da formación, que aínda escasea en xornais, emisoras e cadeas de televisión.

Xornalistas participantes na iniciativa #IgualdadeDePrensa: 

  • María Bragado
  • Loreto Costa
  • Ana Expósito
  • Lara Graña
  • Cristina Huete
  • Margarita Ledo Andión
  • Diana López Varela
  • Carmen Merelas
  • Mercedes Moralejo
  • Tareixa Navaza
  • María Obelleiro
  • María Pardo
  • Ana Pardo de Vera
  • Aida Pena
  • Valeria Pereiras Reza
  • María Xosé Porteiro
  • Belén Puñal
  • Marta Rodríguez
  • Fernanda Tabarés
  • Marta Veiga
  • Andrea Villa
  • María Yáñez

 

CPXG