Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia


Xoves, 02 de setembro de 2010 | 21:27

Portada | Mapa web | Contacto



Imprimir Enviar

ENCONTRO ORGANIZADO POLO CPXG E A CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

Santiago acollerá os días 28 e 29 de setembro a celebración do primeiro Foro de Comunicación e Ciencia

[03/09/2007] Destacados expertos da divulgación científica e profesionais da comunicación daranse cita no marco dun encontro organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Consellería de Innovación e Industria.

Destacados expertos en divulgación científica e profesionais da comunicación daránse cita os días 28 e 29 de setembro no Auditorio da Facultade de Comunicación en Santiago para celebrar o primeiro Foro de Comunicación e Ciencia. O encontro, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Indutria, converterase nun punto de encontro e de debate sobre o papel da comunicación científica na sociedade actual.

Os obxectivos das xornadas son favorecer o contacto e o coñecemento mutuo entre xornalistas e científicos; convencer aos científicos sobre a necesidade de comunicar e proporcionarlle as ferramentas básicas; interesar aos xornalistas pola comunicación da ciencia e facilitarlle os instrumentos para tratar adecuadamente este tipo de información; e amosar experiencias de éxito no ámbito da comunicación científica.

No Foro participarán profesionais como Gemma Revuelta, Francisco Díaz-Fierros, Fernando Bouzas, José Pardina, Thomas Tyden, Carolina Moreno, Jorge Mira, Alicia Rivera, Luis Álvarez Pousa, Ronald Smallenburg, Anna Maria Fleetwood e Didrik Søderlind, quen abordarán diversos aspectos sobre a importancia da comunicación e da divulgación científica.

O acto de inauguración, que terá lugar o venres 28 ás catro da tarde, estará presidido por Fernando Xabier Blanco Álvarez, Conselleiro de Innovación e Industria, e Xosé Manuel Vega Gómez, Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

No marco deste encontro darase a coñecer un avance do informe sobre o tratamento da ciencia nos medios de comunicación que está a realizar o Observatorio Galego dos Medios do CPXG para a Consellería de Innovación e Industria. O programa conta igualmente con obradoiros nos que se abordarán casos prácticos e nos que se debaterán aspectos tratados polos ponentes principais. Varios representantes de varias plataformas europeas de comunicación científica en Internet estarán tamén no Foro para contar as súas experiencias.

A inscrición é gratuíta e as prazas, que son limitadas, cubriranse por rigorosa orde de chegada. Os interesados deben enviar un correo electrónico a xornalistas@xornalistas.com, indicando nome e apelidos, DNI, correo electrónico, teléfono e profesión. A partires do 27 de Agosto habilitarase unha inscrición telefónica no número 981 93 56 70.

Na web do CPXG (www.xornalistas.com) e na do Observatorio Galego dos Medios (www.observatoriodosmedios.com) está toda a información sobre este encontro, no que tamén colabora a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

O Foro sobre Ciencia e Comunicación é o froito dun convenio asinado entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria, coa finalidade de achegar ambas as dúas disciplinas, a científica e a xornalística.

SANTIAGO DE COMPOSTELA
CPXG

© Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Política de privacidade | Mapa web | Contacto | Sindicación RSS

Coa colaboración de:
Xunta de Galicia. Presidencia. Secretaría Xeral de Comunicación