Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia


Xoves, 02 de setembro de 2010 | 21:29

Portada | Mapa web | Contacto



Imprimir Enviar

CHÁMASE 'EL BUSCAPIÉS'

Nace en Valencia o primeiro xornal para nenos

[13/11/2007] "O primeiro xornal para nenos en España" é a definición que fai de si mesmo "El Buscapiés", un rotativo mensual dirixido a nenos de entre 6 e 14 anos que acaba de nacer en Valencia con 5.000 exemplares de tirada e o obxectivo de afacer aos máis novos á lectura da prensa diaria.

"O xornal está pensado para os nenos e dirixido verdadeiramente a eles, non aos pais, e iso é o que nos diferencia, ademais de ser periódico e non revista", explicou a Efe Esther Miguel, directora e creadora da publicación.

As súas vinte e catro páxinas maquetadas a catro columnas, en branco e negro e en cor, con textos pensados para formar aos nenos e explicarlles a actualidade, distribúense (a publicación sacou xa dous números) en quioskos e librerías especializadas de Valencia, aínda que o obxectivo dos seus editores é chegar a toda España.

"Intentamos manter o mesmo rigor dos xornais adultos, para ir educando aos nenos no que é un xornal, pero dentro dese obxectivo tratamos sobre todo de darlles a coñecer o que fan outros nenos e outras persoas noutros lugares, que coñezan en termos xerais outras cousas e outros nenos", explica a directora.

"Sobre a actualidade", engade, "intentamos que saiban o que ocorre, aproveitamos as datas importantes para explicarlles feitos".

Ademais, o xornal está pensado para diferentes niveis de lectura: "dalgún xeito, cada neno pode elixir a súa páxina, ata un neno de seis anos pode acceder a determinados contidos, ao longo dun mes poden ir aos poucos, cos pais, no colexio..."

Esther Miguel, xornalista e escritora de contos para nenos, conta no seu equipo con colaboradores da redacción en diferentes cidades, e tamén co consello de psiquiatras e terapeutas infantís, psicólogas e mestres, ademais de xuristas.

A súa participación é especialmente útil respecto doutra das claves do xornal: a interactividade, a participación dos nenos, que ademais de enviar os seus textos poden facer consultas e comunicarse a través de dous personaxes de ficción: O Buscapiés e Tachi.

"Pensamos que quizá hai cousas que os nenos non falan cos maiores pero que a través destes personaxes si poden chegar a verbalizar", explica.

"O Buscapiés" ten previsto subir en número de exemplares, ata os 10.000, e chegar a máis cidades ademais de Valencia, para o que espera conseguir o apoio de institucións públicas que permita reforzar o seu lanzamento.

LAS PROVINCIAS/EFE
VALENCIA

© Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Política de privacidade | Mapa web | Contacto | Sindicación RSS

Coa colaboración de:
Xunta de Galicia. Presidencia. Secretaría Xeral de Comunicación