Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia


Venres, 10 de setembro de 2010 | 13:47

Portada | Mapa web | Contacto



Imprimir Enviar

APROBACIÓN DO CÓDIGO DEONTOLÓXICO NO CPXG

Ética periodística e liberdade

[16/12/2008] Con motivo da aprobación do código deontolóxico do xornalismo galego, Xosé María Palmeiro, primeiro decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, aludía á necesidade dese "catálogo de deberes". A isto fai referencia no seu artigo cun ton sentido e reflexivo, ademais de botar unha ollada á sociedade na que debemos desenvolver o exercicio do xornalismo e na que se volven precisos mecanismos de regualación deste tipo.

Xosé María Palmeiro

Ética periodística e liberdade

Sostén Furio Colombo que a historia do xornalismo se desenvolve nun terreo accidentado no que poden aparecer períodos de normalidade, ou sexa, libre dispoñibilidade das fontes, ausencia de interferencias do poder ou da censura e apoio dunha opinión pública receptiva. Non sei en que grao de normalidade andamos, pero no marco de dereitos e liberdades consagrado pola Constitución, hai carencias, incumprimentos, abusos e limitacións que non axudan nin ao mellor desempeño desta profesión nin favorecen a súa mellor consideración por parte da cidadanía.

O ensaísta italiano lembra que o xornalismo é un oficio caracterizado por unha forte inestabilidade, sometido a turbulencias e presións, mesmo onde as condicións históricas e ambientais son máis favorables. Algo disto coñecemos aquí, nun espazo que non é nin o peor nin o mellor dos posibles. Nesa dialéctica socioprofesional o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (1.105 asociados) aprobou o sábado en asemblea xeral o Código Deontolóxico da Profesión Xornalística en Galicia. Un catálogo de deberes que o xornalista debe defender e aplicar para o correcto desempeño profesional.

Ese catálogo reforza os mecanismos da autorregulación na procura duns medios libres, plurais, críticos e abertos á sociedade á que serven e defende a liberdade de expresión e o dereito á información, fundamentos da sociedade democrática. "A importancia da función social que presta o xornalista a través dos medios, como elemento principal para o exercicio destes dereitos, esixe a salvagarda permanente destes principios diante de calquera intento de restrición ou coacción procedente de toda forma de poder, así como da súa posible degradación, producida pola eventual inobservancia ou adulteración por parte dos medios ou de quen traballa neles", afirma.

Algúns dos criterios contemplados aluden á necesaria distinción entre feitos e opinións, difusión de informacións ben fundamentadas, rectificación dilixente, respecto do dereito das persoas á propia imaxe e á intimidade, máximo coidado no que afecte aos menores e no que poida suscitar discriminación por razóns de sexo, raza ou crenza, así como no que incite ao uso da violencia. Fala tamén da necesidade de estatutos de redacción e dun organismo arbitral e independente dos poderes públicos e invoca o segredo profesional e a cláusula de conciencia.

O Código é unha chamada de atención, un compromiso para fortalecer en cada profesional da comunicación os principios da ética periodística para un mellor servizo á cidadanía. Tamén no medio das inestabilidades, turbulencias e presións que nos acompañan, aínda en períodos de normalidade. É unha opción de liberdade. Benvido.

Escribir a historia xa é unha tarefa ardua, xeralmente encomendada ós vencedores, pero non é menos dificultoso encomendar a súa redacción ós que perderon. En calquera caso, ambas as cousas son máis fáciles que borrala. ¿Como se suprime o pasado? Os que se senten orgullosos coinciden cos que o deploran en que é irreparable. Agora, por se nos aburasen outras urxencias, queremos un catálogo relativo á Guerra Civil e a Ditadura.

Tiña eu poucos anos cando empezaron a matarse mutuamente aqueles señores maiores. A eles débolles fames, miseria, himnos, bandeiras e loitos. Os meus primeiros libros, antes de dispor dunha laboriosa e esforzada biblioteca, foron as cartillas de racionamento. ¿Como eliminar o pasado? O alzhéimer non depende do Boletín Oficial. A Memoria Histórica é a nosa memoria individual.

Os que intentamos comprendelo todo, infrutuosamente por suposto, sabemos que foi moi distinto o ADN dos mortos. Uns repousaron nos adros das igrexas, con nomes e apelidos, como "caídos por Deus e por España" e outros, que faleceron precipitadamente por esas ou outras abstraccións, foron enterrados ó bordo as cunetas das estradas. É de supor que ós cadáveres lles traia sen coidado o seu emprazamento. Dicíanos don Gregorio Marañón, e eu era tan novo que non me daba conta do alcance das palabras, que "as guerras civís duran un século".

Non transcorreu aínda. Ou sexa, que é pronto para cambiar o resultado da batalla do Ebro. Ó pasado só o borra o novo paso do tempo que non para de andar. O intelixente é a reconciliación, non a revisión, pero faltan días sucesivos para que cheguemos. Quero dicir para que cheguen os españois ó ano 2039. Que teñan máis sorte.


© Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Política de privacidade | Mapa web | Contacto | Sindicación RSS

Coa colaboración de:
Xunta de Galicia. Presidencia. Secretaría Xeral de Comunicación