HOXE ÁS 19:00 NUNHAS XORNADAS DO CONCELLO DE LUGO
O CPXG presenta o seu informe sobre a prostitución nos medios
[18/11/2010] Belén Puñal, membro da Xunta de Goberno do CPXG, presenta hoxe ás 19:00 o informe 'A representación da prostitución nos medios de comunicación galegos', realizado polo Colexio coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. O acto terá lugar no salón de actos do Centro de Convivencia Maruja Mallo de Lugo, dentro das xornadas de prevención contra a violencia de xénero organizadas polo Concello.
A investigación do Colexio analiza a representación da prostitución, a explotación sexual e o tráfico e a trata de persoas con fins de explotación sexual nos medios de comunicación galegos. O informe continúa así traballos anteriores realizados polo Colexio de Xornalistas, centrados noutras ocasións na representación da violencia de xénero.
A través da análise de contido de todos os xornais galegos ao longo dun mes, o estudo tenta dar respostas sobre o grao de visibilización e presenza das e dos diversos protagonistas, actores, espazos e tipoloxías implicados no exercicio da prostitución, analizar que rutinas xornalísticas aplican as informadoras e informadores na súa cobertura, determinar a relevancia concedida á información sobre estes temas e analizar a linguaxe empregada e o uso de estereotipos. Así mesmo, comparouse o tratamento ordinario da información sobre prostitución, a explotación sexual e a trata ou tráfico de mulleres co conferido a aqueles casos aos que os medios outorgan unha abordaxe extra-ordinaria; e completouse o relatorio cunha análise sobre a presenza e contido dos anuncios de sexo de pago na prensa galega.
A presentación deste estudo, realizado coa axuda da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, encadrase dentro das Xornadas de Prevención da Violencia de Xénero do Concello de Lugo, que este ano se realizan co lema
Abróchate. As xornadas continuarán cunha táboa redonda sobre a trata de mulleres con fins de explotación sexual e. o xoves 25, coa lectura do manifesto dos homes de Lugo contra a violencia sobre as mulleres (ás 12:00 na Praza de Santo Domingo) e a conferencia de Pilar López Díaz "O novo tratamento xornalístico das noticias sobre violencia de xénero (ás 20:00 no Salón de Actos do Centro Maruja Mallo). O venres 26, fechará as xornadas a representación da obra
Caminando, da compañía Alkimia, ás 12:00 no Polideportivo do Instituto Politécnico de Lugo.
CPXG
Documentos
- Programa das xornadas (pdf, 426,24 kb)
- Informe: capítulo 1 (pdf, 1,12 mb)
- Informe: capítulo 2 (1ª parte) (pdf, 1,7 mb)
- Informe: capítulo 2 (2ª parte) (pdf, 1,97 mb)
- Informe: capítulo 3 (1ª parte) (pdf, 1,84 mb)
- Informe: capítulo 3 (2ª parte) (pdf, 1,13 mb)
- Informe: capítulo 4 (pdf, 1,84 mb)
- Informe: capítulo 5, anexo e bibliografía (pdf, 911,65 kb)