TRALA EXTINCIÓN DOS CONTRATOS DE 93 TRABALLADORES
O Colexio de Xornalistas agarda que a CRTVG non reduza o seu cadro de persoal
[28/06/2012] Tralo anuncio da CRTVG da extinción dos contratos de 93 traballadores como resultado do proceso selectivo na compañía, o Colexio de Xornalistas lamenta a perda de postos de traballo e expresa a súa preocupación porque esta medida supoña a redución do cadro de persoal dos medios públicos galegos e o deterioro da calidade do seu servizo informativo.
Por exemplo, implicará que os redactores das delegacións da Radio Galega terán que traballar en réxime de autocontrol, dado que os técnicos de son que obtiveron recentemente a súa praza téñena en Santiago.
A CRTVG ten incorrido no pasado en numerosas irregularidades na súa política de contratación, o que conduciu á presentación de centos de denuncias de traballadores, que na súa maioría ganaron o xuízo. Unha situación complexa que o recente proceso selectivo dificilmente podía solventar de maneira satisfactoria. O Colexio agarda que rematen na CRTVG as arbitrariedades e as chapuzas en materia laboral e recorda que a contratación en precario afecta directamente á calidade do traballo xornalístico e ameaza a independencia coa que todos os medios, e especialmente os públicos, deben desenvolver o seu labor.
O Colexio quere lembrar que desde o inicio das súas emisións, en 1985, a Televisión de Galicia e a Radio Galega cumpren unha importante función social. Convertéronse nun dos principais axentes normalizadores da nosa lingua e en importantes difusores da cultura propia e contribuíron a garantir o dereito dos cidadáns a recibiren unha información plural, veraz e independente.
Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Santiago, 28 de xuño de 2012