Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia


Luns, 20 de maio de 2013 | 22:16

Portada | Mapa web | Contacto



Imprimir Enviar

O CPXG lamenta a práctica desaparición da edición de Galicia de 'El País'

[01/10/2012] A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vese na obriga de criticar a medida que a dirección de El País anunciou como "integrar as noticias locais nun periódico máis global, coherente", cando o certo é que supón a desaparición na práctica da edición de Galicia (e do resto dos suplementos que se editaban noutras comunidades autónomas, agás Madrid e Cataluña).

A decisión, adoptada dunha maneira un tanto sorprendente desde o punto de vista informativo nas vésperas de que comecen as campañas electorais en Galicia e no País Vasco, racha no caso galego cunha traxectoria xornalística recoñecida durante seis anos xustos, e afecta moi negativamente á biodiversidade informativa que debe existir en calquera sociedade.

O CPXG, organismo de dereito público que representa aos profesionais galegos, non entende como "a ampla utilización de novas tecnoloxías na difusión de noticias" pode ser invocado como un dos argumentos para suprimir o suplemento de Galicia. As noticias, sexan difundidas con novas ou vellas tecnoloxías, requiren de periodistas que as elaboren, e enviar a mensaxe de que as novas tecnoloxías precisan de menos profesionais é rebaixar a súa credibilidade, do oficio e da cabeceira que o fai. É reforzar a idea de que as novas tecnoloxías, os "pasos adiante", supoñen sempre unha aposta pola descapitalización do periodismo.

Porque do que estamos a falar, obviamente, é de suprimir postos de traballo.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2012


© Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Política de privacidade | Mapa web | Contacto | Sindicación RSS

Coa colaboración de:
Xunta de Galicia