O CPXG denuncia a pretensión de limitar o dereito a captar imaxes das forzas de seguridade
[19/10/2012] A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, a demanda dalgúns colexiados, denuncia a pretensión do Ministerio do Interior de prohibir "a captación, reprodución ou tratamento de imaxes, sons ou datos de membros das forzas de seguridade no exercicio das súas funcións cando poidan pór en perigo a súa vida ou en risco a operación que están desenvolvendo".
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) entende que calquera medida neste sentido vulneraría o artigo 20 da Constitución Española, que só recoñece límites á liberdade de expresión e información na salvagarda do dereito á honra. Dito dereito, asemade, só ten carácter individual e en ningún caso podería aplicarse a un colectivo como son as forzas de seguridade do estado.
Os tribunais xa teñen a posibilidade de impedir a difusión de imaxes lesivas para a honra, e a Lei de Protección de Datos xa regula a difusión de nomes, enderezos e outros datos de carácter persoa, polo que non se entende cal sería a suposta necesidade desta reforma da lexislación. Porque se o que se pretende é impór o criterio da propia policía sobre cando se pode e cando non gravar a actuación dos axentes, estariamos ante un caso de censura previa, prohibido explicitamente polo parágrafo 2 do citado artigo.
O libre exercicio dos profesionais da información para captar imaxes é un dos alicerces do dereito á información, e calquera limitación desta liberdade redundaría nun grave deterioro do estado de dereito e do acceso á información da cidadanía, así como un dos maiores ataques á liberdade de información producidos neste país nos últimos corenta anos. Esta liberdade de información é, se isto é posíbel, aínda máis importante cando do que se está a tratar é de documentar presuntos abusos dos corpos de seguridade, dado que neste caso o papel do xornalismo como denuncia e contrapoder é especialmente necesario.
Resulta cando menos significativo que o anuncio por parte do director xeral da Policía, Ignacio Cosidó, deste proxecto de reforma da Lei de Seguridade Cidadá se realice pouco tempo despois de que se criticara na prensa española e internacional a actitude de determinados membros das forzas de seguridade. Non se coñece, porén, ningún exemplo de divulgación non autorizada de imaxes dos efectivos antiterroristas ou antimafias, aos que supostamente pretende defender a medida, e o propio caso citado nalgúns medios por fontes policiais, o das imaxes do 29-M en Barcelona, parece indicar que a medida está enfocada a outro tipo de operativos.
Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2012